Turismo de Galicia pecha a súa participación na maior feira europea do sector aeroportuario “Routes Europe 2026” tras reunirse con máis de 10 compañías aéreas

Redacción
  • A directora de Promoción, Carmen Pita, mantivo xuntanzas con responsables das compañías aéreas Vueling, Binter, Finnair, EasyJet, ITA Airways, Eurowings, Volotea e Brussels, entre outras
  • Destacou o traballo que se leva a cabo no marco do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia onde se está traballando para mellorar as opcións de rutas aéreas para os aeroportos galegos

A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou estes días no encontro profesional Routes Europe do sector aeroportuario que se celebra na cidade italiana de Rimini. Alí, Carmen Pita mantivo encontros coas principais compañías aéreas, entre elas Vueling, EasyJet ou Volotea, co fin de promocionar o destino Galicia, abrir novas rutas, reforzar as conexións aéreas e a cooperación entre Galicia e operadores aéreos.

Entre as entrevistas están as realizadas coas compañías como Vueling, Binter, Finnair, EasyJet, ITA Airways, Eurowings, Volotea, Brussels, Fly4, WizzAir, KLM e Eurowings, entre outros contactos mantidos nas tres xornadas da feira profesional. Nos encontros, a directora de Promoción puido constatar o interese amosado polas distintas empresas por este destino que o pasado ano recibiu a visita de 8,8 millóns de turistas, dos cales o 30% foi de orixe internacional.

Carmen Pita participou nesta cita internacional do sector aeroportuario no marco do Plan de Promoción Turística da Xunta de Galicia deste ano 2026 no que inviste 13M€. Tamén, como representante de Turismo de Galicia que á súa vez forma parte do Comité de Coordinación Aeroportuaria que leva meses traballando na mellora das opcións de rutas aéreas para os aeroportos galegos.

A feira Routes Europe 2026 celébrase ata este mércores, 20 de maio, en Rimini sendo un dos principais encontros europeos do sector da aviación e da conectividade aérea. O evento reúne máis de 1.200 delegados, entre compañías aéreas, aeroportos, institucións turísticas e empresas vinculadas ao transporte aéreo, coa participación de máis de 120 aeroliñas internacionais.  Ademais das reunións comerciais, o programa inclúe conferencias sobre tendencias do mercado, sustentabilidade, innovación e planificación de rutas aéreas.

Comparte este artigo