A curtametraxe “Soliloquio”, do CPR Franciscanas, gañadora na categoría de secundaria do concurso do Concello Cinema na Escola 2025-2026

Redacción

Hoxe celebrouse no Ágora a cerimonia de entrega de premios para os participantes de secundaria

Contando todas as categorías, na presente edición do certame participaron máis de 800 estudantes de 17 centros de primaria e secundaria

Hoxe tivo lugar no Ágora a entrega de premios para as obras gañadoras dos colexios de secundaria do certame Cinema na Escola, despois de que onte se dese a coñecer o palmarés dos/as participantes de primaria noutro acto no mesmo lugar. O proxecto escollido polo xurado foi “Soliloquio”, do CPR Franciscanas.

Cinema na Escola é un innovador concurso audiovisual organizado polo Concello que tivo unha gran participación do alumnado dos centros públicos da cidade, con máis de 800 estudantes e 22 docentes de 17 centros educativos implicados. A obra “Zona 0” foi onte a agraciada na categoría de Mellor Curtametraxe de primaria.
“Con esta segunda gala pechamos unha edición de Cinema na Escola que foi todo un éxito. O nivel das pezas presentadas foi altísimo e a decisión do xurado foi moi difícil, o cal quere dicir que a escola cinematográfica coruñesa ten canteira, e o Goberno de Inés Rey vai estar alí para apoiala”, subliñou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, quen estivo presente en ambas as galas en representación do Concello.

Este programa busca inculcar na xuventude a expresión audiovisual a través da produción de curtametraxes propias. As persoas participantes tiveron que desenvolver todas as fases do proceso, desde a actuación á escritura, a dirección, a produción e a montaxe. Así, centos de alumnos e alumnas achéganse por primeira vez ás técnicas propias desta disciplina artística.

Na gala de hoxe, participaron os seguintes centros de secundaria:
– IES Agra do Orzán coa curta “O móbil”
– IES Elviña coa curta “Foliada eclipsada”
– IES Eusebio da Garda coa curta “Fogar”
– IES Rafael Puga Ramón coa curta “Micelio”
– IES Rafael Dieste coa curta “Log out”
– IES Ramón Menéndez Pidal coa curta “Descoñecidos”
– IES Salvador de Madariaga coa curta “O recado”
– CPR Franciscanas coa curta “Soliloquio”
– CPR Franciascanos coa curta “Cookies”

Todas as obras foron rodadas en galego e co teléfono móbil como instrumento de gravación. Ademais, impartíronselles talleres formativos de iniciación á creación audiovisual e formación e asesoramento presenciais nas tarefas de filmación e montaxe, co obxecto de darlle ferramentas ao alumnado para poder elaborar unha curtametraxe.

Os galardóns foron deliberados por un xurado de persoas expertas composto polo actor de escena e dobraxe Santiago Fernández; a directora de casting Isa Escrigas; a doutora en fotografía por Belas Artes Ledi Bellón; o realizador e montador gañador dun Goya Fran X. Rodríguez e a técnica de Educación do Concello Ana Judel Prieto.

O palmarés completo foi:
– Mellor Curtametraxe: “Soliloquio” (CPR Franciscanas)
– Mellor Guión: “Soliloquio” (CPR Franciscanas)
– Mellor Fotografía: “Fogar” (IES Eusebio da Guarda)
– Mellores Efectos Visuais: “Cookies” (CPR Franciscanos)
– Mellor Edición e Montaxe: “Log out” (IES Rafael Dieste)
– Mellor Edición de Audio: “Foliada eclipsada” (IES Elviña)
– Mellor Interpretación: “Soliloquio” (CPR Franciscanas)
– Mención Valores: “Descoñecidos” (IES Ramón Menéndez Pidal)
– Mención Esforzo: “Foliada eclipsada” (IES Elviña)
– Mención Comedia: “Micelio” (IES Rafael Puga Ramón)
– Premio do público: “O móbil” (IES Agra do Orzán)

Comparte este artigo