- Tres liñas circulares prestarán 32 servizos diarios desde o 1 de xullo
- Este reforzo estival impulsará a mobilidade no concello, complementando as medidas de promoción turística da localidade
A Xunta e co Concello de Sanxenxo veñen de renovar coa empresa municipal Turismo de Sanxenxo, S.L. e a UTE XG-626 o convenio de colaboración para manter, desde o 1 de xullo, o reforzo estival dos servizos de autobús con tres liñas municipais. O convenio asinado manterá a súa vixencia ata o 26 de xuño de 2027 con posibilidade de prorrogarse no futuro.
Entre os principais obxectivos deste SIMU destacan a redución do uso de vehículos particulares, o fomento da mobilidade sustentable no municipio e a atención ás necesidades de mobilidade xeradas pola promoción turística do concello. Como resultado deste acordo, nos meses de xullo e agosto, estarán en funcionamento tres liñas circulares que conectarán os principais puntos de interese do municipio, incluíndo os núcleos urbanos e as contornas das praias e dos espazos naturais.
A novidade máis significativa desta renovación é a activación dunha nova liña circular que comunicará o Centro Cultural de Dorrón con Sanxenxo, Portonovo e A Lanzada. Esta liña ofrecerá un total de oito servizos diarios, con frecuencia de luns a domingo, e un horario que abarca desde as 07,55 horas ata as 23,55 horas.
Pola súa parte, a liña circular que unirá Sanxenxo con Vilalonga e A Lanzada contará con 16 servizos diarios comprendidos entre as 08,30 horas e as 00,30 horas. Adicionalmente, a liña que conectará Sanxenxo con Portonovo e A Lanzada ofrecerá oito servizos ao día entre as 09,00 e as 23,00 horas. En total, prestaranse un total de 32 servizos ao día de luns a domingo.
O Concello de Sanxenxo continuará a asumir a responsabilidade de financiamento do SIMU, cuxo custo ascende a aproximadamente 65.000 euros.
Nestes servizos, a Xunta aplica os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos viaxan de balde grazas á Tarifa +65.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web www.bus.gal.

