A Xunta apoia a alianza entre o CSIC e as empresas Octolarvae e ICSEM para avanzar en acuicultura rexenerativa

Redacción
  • ACUIREGAL é a primeira unidade mixta de investigación posta en marcha polo CSIC en Galicia co apoio da liña de axudas da Consellería de Ciencia e a primeira centrada na acuicultura
  • Esta alianza entre un centro de investigación e as empresas Octolarvae (do grupo Profand, multinacional do sector dos produtos do mar) e a consultoría ICSEM conta cun orzamento de 2 M€ ata 2028
  • O seu obxectivo é conservar a biodiversidade mariña ou repoboar especies de interese comercial con forte variabilidade estacional como o polbo, a centola, a nécora e o camarón
  • Esta unidade mixta é un dos dez consorcios estratéxicos apoiados na última edición desta liña de axudas con 11 M€, cofinanciados con fondos europeos
  • En total, desde 2014, a Xunta leva apoiadas 64 unidades mixtas de investigación cun investimento público de máis de 59 M€ e unha mobilización total de máis de 180 M€

A Xunta apoia a alianza entre o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e as empresas Octolarvae, filial do grupo Profand, e a consultora ICSEM para avanzar en acuicultura rexenerativa. A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo; acompañada polo vicepresidente de Organización e Relacións Institucionais do CSIC, Carlos Closa, e a delegada institucional do CSIC en Galicia, Carmen González, visitaron esta mañá a planta de investigación larvaria de Octolarvae en Moaña para coñecer os traballos que vai realizar a empresa e os seus socios no marco da unidade mixta de investigación ACUIREGAL. Esta alianza entre o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e as empresas Octolarvae, pertencente a Profand (multinacional dedicada á elaboración de produtos do mar), e o Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa (ICSEM) é a primeira unidade mixta na que participa un centro do CSIC e a primeira do sector da acuicultura en Galicia.

ACUIREGAL desenvolverá ata 2028 unha estratexia de acuicultura rexenerativa en Galicia cun orzamento de 2 M€, dos que recibe 800.000 euros de axuda da Xunta de Galicia a través de fondos europeos do programa Galicia Feder 2021-2027. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o aliñamento desta unidade mixta cos retos e prioridades da política de I+D+i galega, na medida en que contribuirá a unha xestión dos recursos naturais baseada na innovación e a busca da sostibilidade. Precisamente, esta alianza permitirá avanzar cara unha acuicultura rexenerativa en Galicia que conserve a biodiversidade mariña, restaure poboacións de especies sobreexplotadas e desenvolva ferramentas de seguimento ambiental, social e técnico.

En concreto, ACUIREGAL, que resultou beneficiaria da última convocatoria de unidades mixtas de investigación da Xunta de Galicia, traballará en varias liñas: desenvolver técnicas para a cría ex situ e repoboación de especies clave de grande interese comercial con forte variabilidade estacional, como o polbo, a centola, a nécora e o camarón; a creación dun biobanco de acceso aberto para custodiar, caracterizar e trazar xeneticamente as poboacións destinadas a repoboación, garantindo a súa sanidade e diversidade xenética; desenvolver protocolos para a selección de especies e hábitats, estratexias de liberación e seguimento mediante marcado-recaptura e análise de impacto ecolóxico e definición de indicadores ambientais, sociais e instrumentais para avaliar a eficacia e sustentabilidade das accións.

O proxecto susténtase na extensa experiencia en xestión e recuperación de recursos mariños do Instituto de Investigacións Mariñas e da empresa Octolarvae, dedicada á I+D+i do cultivo larvario de especies de interés pesqueiro, e a experiencia en integración da sustentabilidade da peme de consultoría e innovación ICSEM, así como na integración de infraestruturas especializadas e ferramentas científicas avanzadas.

11 M€ para apoiar dez unidades mixtas ata 2028

Esta unidade mixta forma parte das dez apoiadas na última convocatoria da Xunta de Galicia resolta no mes de abril pasado. En total, a Consellería de Ciencia destina máis de 11 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos no marco do Plan Galicia Feder 2021-2027, para apoiar a creación de sete novas unidades mixtas, a consolidación dunha existente e o establecemento ou continuidade de dous centros mixtos de investigación para desenvolver proxectos en áreas estratéxicas.

Con este investimento agárdase unha mobilización de capital público-privado de máis de 27,6 M€. O obxectivo destas iniciativas colaborativas é impulsar a transferencia de coñecemento ao tecido empresarial ao tempo que se desenvolven as capacidades dos organismos de investigación galegos en sectores punteiros e se crea emprego de calidade.

Desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2014, o programa apoiou un total de 64 unidades mixtas (46 novas, 13 de consolidación e cinco centros mixtos de investigación) nas que participaron 52 empresas e 16 centros de coñecemento galegos que mobilizaron máis de 180 M€.

Comparte este artigo