A Xunta recoñece o traballo de 21 centros e unha aula hospitalaria en prol da convivencia escolar e inclusión

Redacción
  • Román Rodríguez sinala estes ámbitos como prioritarios nas políticas educativas do Goberno galego e destaca as iniciativas que se están a lanzar ao respecto
  • Destaca que o novo Plan para o impulso da atención á diversidade, que supón o reforzo e consolidación de 400 especialistas de apoio e novos recursos
  • Sinala o novo Contrato de Vida Dixital como unha ferramenta en prol da corresponsabilidade no uso das tecnoloxías e en prol dun bo clima nas aulas
  • Pon en valor o amplo abano de medidas impulsadas pola Xunta para erradicar o acoso e comprométese a seguir traballando niso mentres exista un só caso

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, entregou esta mañá os galardóns da edición 2025 dos premios Tolerancia cero fronte ao acoso escolar, ConVivimos de convivencia e benestar emocional e Boas prácticas de educación inclusiva. Con eles, a Xunta recoñece o traballo dun total de 21 centros e unha aula hospitalaria nestes eidos, que son prioritarios nas políticas educativas do Goberno galego.

O titular do departamento educativo da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou os centros premiados pola súa implicación no desenvolvemento de proxectos en prol da eliminación da lacra do acoso escolar, para reforzar o bo clima das aulas e para que cada alumno poida desenvolver ao máximo as súas capacidades independentemente das súas circunstancias persoais. “Desde o Goberno galego traballamos nestes aspectos como as principais liñas da acción de goberno en materia educativa”, dixo, lembrando que se están a implementar novas iniciativas ao respecto.

Neste sentido, destacou a aprobación onte no Consello da Xunta do Plan para o impulso da atención á diversidade de Galicia que se comezará a aplicar xa desde o vindeiro curso 2026-27 e que incluirá o reforzo e consolidación de 400 profesores especialistas neste eido e novos recursos, así como melloras na organización e no traballo de xestión en prol dunha maior axilidade e eficiencia. “Galicia conta co ensino máis inclusivo de España e queremos seguir mellorándoo, incrementando a rede de profesionais dedicados a este labor, facilitando o seu traballo e ofrecendo ás familias unha educación máis personalizada para os seus fillos”, incidiu o conselleiro.

Así mesmo, Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego está a intensificar as accións para loitar contra o acoso escolar. A este respecto, detallou que o seu departamento acaba de poñer en marcha o Contrato de Vida Dixital, unha iniciativa pioneira orientada a promover un uso responsable da tecnoloxía entre o alumnado e coa implicación das familias e dos centros educativos. “Fomentamos a corresponsabilidade nun eido que pode incidir dun xeito moi positivo no benestar e na educación dos máis novos, pero que tamén pode xerar problemas de convivencia non desexados”, declarou.

Esta acción vén complementar o amplo abano de iniciativas impulsado pola Xunta través do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar nesta materia, como a Rede de Concellos contra o Acoso Escolar, a prohibición do uso dos móbiles nos centros, a instalación de Puntos Laranxa para denunciar desde o anonimato posibles casos, o Termómetro Acoso Escolar para mediar a situación nunha aula ou a creación dos Equipos ACAE de Actuación contra o Acoso Escolar, formados por docentes.

“Os casos de acoso representan unha mínima porcentaxe en Galicia, cun 0,06% de procedementos correctores, pero mentres exista un só caso seguiremos actuando para erradicar por completo estas situacións”, comprometeu Román Rodríguez.

Centros galardoados

O premio Tolerancia cero fronte ao acoso para recoñece as actuacións e proxectos de carácter individual ou colectivo desenvolvidos polos centros de ensino que implicaran un alto grao de compromiso coa loita contra situacións contrarias á convivencia escolar.

Os centros galardoados son os seguintes:

Categoría A (Infantil e Primaria)
1º premioCEIP Plurilingüe de San Roque de Darbo (Cangas de Morrazo)
2º premioCEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia)
3º premioCEE Infanta Elena (Monforte de Lemos)
Mención de honraCEIP Eusebio da Guarda (A Coruña)
Categoría B (resto das etapas)
1º premioIES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa)
2º premioIES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras)
3º premioIES de Cacheiras (Teo)
Mención de honraIES Leiras Pulpeiro (Lugo)

Pola súa banda, o premio ConVivimos recoñece o esforzo e alto grao de compromiso dos centros educativos na mellora da convivencia e do benestar emocional manifestado a través de diferentes proxectos e actuacións. Neste caso os centros galardoados son:

Categoría A (Infantil e Primaria)
1º premioCEIP de Cervo (Cervo)
2º premioCEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa)
3º premioCEIP O Castiñeiro (Laza)
Mención de honraCEIP Plurilingüe de Louro (Muros)
Categoría B (resto das etapas)
1º premioIES de Cacheiras (Teo)
2º premioIES de Poio (Poio)
3º premioIES de Cotobade (Cerdedo Cotobade)
Mención de honraIES Perdouro (Burela)

O obxectivo dos premios Boas prácticas de educación inclusiva é impulsar a atención á diversidade e o bo clima nas aulas poñendo en valor o labor que se está a desenvolver nos centros de ensino na promoción dunha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornas e culturas inclusivas. Os centros recoñecidos son os seguintes:

Categoría A (Infantil e Primaria)
1º premioCEIP Plurilingüe Nº 1 de Tui (Tui)
2º premioCEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Rianxo)
3º premioCEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa)
Mención de honraCEIP Plurilingüe de Leirado (Salvaterra de Miño)
Categoría B (resto das etapas)
1º premioIES Santa Irene (Vigo)
2º premioCIFP Paseo das Pontes (A Coruña)
3º premioIES do Milladoiro (Ames)
Mención de honraAula Hospitalaria do CHUS (Santiago de Compostela)

A relación de proxectos premiados e os seus detalles poden consultarse no anexo.

Comparte este artigo