A Xunta animoa ao tecido industrial a apostar pola sostibilidade como garantía de éxito e crecemento

Redacción
  • Ángeles Vázquez salienta que o Goberno galego quere ser un aliado da industria responsable, que cre na innovación e non renuncia a reducir o seu impacto ambiental
  • Lembra que o seu departamento impulsa políticas que favorecen a competitividade sostible e o acompañamento ás empresas con medidas como a creación da Oficina de Economía Circular Industrial, que xa asesorou a 47 firmas e realizou 27 visitas
  • Pon a planta de Lonza como exemplo de que a Comunidade pode liderar sectores empresariais estratéxicos e ser un referente da transición verde, destacando a súa taxa de reciclaxe, que está no 85%, e a redución das emisións nun 56% desde 2019

A Xunta animou hoxe ao tecido industrial galego a apostar pola sostibilidade e o compromiso ambiental nos seus procesos produtivos como a mellor garantía de éxito, crecemento económico e competitividade en pleno século XXI.

Durante unha visita ás instalacións no Porriño de Lonza Biologics, unha planta única en España e de referencia internacional no sector biofarmacéutico, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, considerou que a traxectoria da empresa neste municipio, marcada por un investimento superior aos 60 millóns de euros nos últimos cinco anos e a ampliación da súa área loxística, demostra o potencial industrial que ten Galicia, con capacidade para poder competir nos sectores máis avanzados e cun maior valor engadido, reducindo ao tempo o impacto ambiental.

Tras sinalar que desenvolvemento económico e sostibilidade poden e deben ir da man, a responsable autonómica subliñou que a Xunta quere ser “un aliado da industria responsable” e que cre na innovación, na ciencia e na creación de emprego de calidade. Por iso, lembrou que nos últimos anos as políticas impulsadas polo seu departamento buscan, precisamente, promover políticas que garantan unha competitividade sostible e o acompañamento ás empresas dispostas a avanzar nese camiño para construír xuntos unha Galicia “máis competitiva, industrial e con máis oportunidades” no futuro.

Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a conselleira referiuse á recente creación da Oficina de Economía Circular Industrial, un servizo pioneiro impulsado hai case un ano polo seu departamento co fin de orientar e axudar ás empresas galegas para avanzar cara a modelos económicos máis sostibles e circulares.

Así, destacou que, ata o de agora, a oficina xa recibiu 47 solicitudes de asesoramento por parte doutras tantas empresas e realizou 27 visitas de carácter técnico para abordar temas relacionados cos refugallos industriais, o ecodeseño ou a circularidade dos procesos para alongar a vida útil dos produtos. Ademais, salientou tamén os bos resultados do Programa de mentoring en circularidade industrial, cun total de 46 participantes incluíndo tanto empresas tractoras como mentorizadas.

“Trátase de axudar a un cambio social e produtivo no sector coa intención de situar Galicia como referente na transición verde”, explicou Ángeles Vázquez, que incidiu en que o compromiso da Xunta se plasma tamén en accións como a simplificación dos procedementos administrativos, as garantías de seguridade xurídica e a creación dun marco favorable para a implantación e crecemento de empresas como Lonza Logistics.

Lonza Porriño

Con máis de 540 traballadores, a planta de Lonza no Porriño é un centro altamente especializado que se converteu nun referente dentro do grupo empresarial grazas á súa aposta pola eficiencia e a mellora continua dos seus procesos, centrados na produción de cultivos celulares, anticorpos e proteínas terapéuticas fundamentais na loita contra enfermidades como o cancro ou patoloxías autoinmunes, entre outras.

Por iso, a conselleira considerou que empresas como Lonza demostran que Galicia pode liderar sectores industriais estratéxicos, atraer investimentos e ser un referente sen renunciar á sostibilidade. “Aquí temos un exemplo do camiño que a Xunta quere para Galicia: unha industria moderna, innovadora, sostible e conectada ao territorio”, indicou.

En concreto e para exemplificar a transformación experimentada pola planta do Porriño nos últimos anos, cómpre desatacar as súas actuais taxas de reciclaxe, que superan o 85% dos residuos xerados; a redución en máis dun 30% do consumo de auga; ou a modernización enerxética das instalacións para mellorar a súa eficiencia e apostar pola enerxía solar, cun 100% da electricidade que utilizan procedente de fontes renovables.

Neste sentido, resaltou que este esforzo permitiu reducir nun 56% as emisións de CO2 da planta con respecto a 2019, un camiño no que Galicia tamén destaca xa que é a Comunidade que máis reduciu as emisións netas en 2024 —en concreto, un 68,5% respecto a 1990, ano de referencia para as políticas climáticas— e avanza a bo ritmo cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040.

Comparte este artigo