● O conselleiro de Emprego salientou a nova convocatoria para rehabilitar vivendas para persoas traballadoras en concellos de menos de 20.000 habitantes
● O alcalde, Javier Caínzos, destacou a colaboración institucional para abordar as problemáticas que afrontan as empresas
O Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro acolleu este martes un encontro entre o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e representantes da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial Curtis-Teixeiro. A cita, á que asistiu o alcalde, Javier Caínzos, deuse no marco da rolda de contactos que a Xunta mantén co tecido empresarial galego para dar resposta aos retos actuais do mercado laboral, especialmente no ámbito rural.
O conselleiro salientou medidas impulsadas polo goberno autonómico para favorecer a cobertura de postos de traballo e a fixación de poboación, salientando iniciativas que vinculan emprego e vivenda en concellos de menos de 20.000 habitantes. É o caso da nova convocatoria para rehabilitar vivendas destinadas ao alugueiro ou cesión para persoas traballadoras, así como os programas de atracción e retorno de talento como o Retorna Cualifica Emprego e as Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME). Tamén se referiu ás medidas de formación adaptada ás necesidades das empresas, como os Bonos Talento Empresa e o desenvolvemento do novo marco de microcredenciais.
Antes da conferencia de González, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, destacou a importancia desta colaboración institucional para consolidar o desenvolvemento económico do municipio e dar resposta ás necesidades do tecido produtivo local. “Temos que poñer todo o que está da nosa parte, en colaboración con todas as administracións, para garantir que as empresas dispoñan do capital humano necesario para o seu crecemento e para cubrir as súas demandas laborais, aproveitando para fixar poboación e integrar talento”. Trala exposición do conselleiro de Emprego, os empresarios asistentes tiveron ocasión de expoñer as súas dúbidas e propostas sobre os temas que abordou.

