A Xunta convida ao sector turístico portugués a sumarse ao Xacobeo 2027

Redacción

O director de Turismo de Galicia presentou ante máis de 100 profesionais as oportunidades desta cita para o que é o primeiro mercado internacional

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe en Porto nun encontro profesional no que convidou ao sector turístico portugués a sumarse ao Xacobeo 2027 tendo en conta o papel estratéxico do mercado portugués tanto para o destino Galicia como para o Camiño de Santiago.

Durante a súa intervención e ante máis de 100 profesionais, Merelles salientou que Galicia está xa “en plena preparación do Ano Santo Xacobeo 2027”, que cualificou como “unha importante oportunidades para o turismo en Galicia e para seguir reforzando a nosa proxección internacional como destino final do Camiño de Santiago”.

O director de Turismo de Galicia puxo en valor o peso de Portugal como mercado prioritario para a comunidade, tendo en conta que o gasto total do turismo portugués en Galicia superou en 2025 os 230 millóns de euros, o que supón un incremento do 14% con respecto ao ano anterior. Portugal sitúase, ademais, como o segundo mercado internacional en termos de gasto total, só por detrás de Estados Unidos. É ademais, o primeiro mercado internacional para Galicia, con 364.000 viaxeiros portugueses aloxados en 2025 e preto de 630.000 noites en establecementos colectivos galegos.

O acto enmárcase nas actuacións do Plan de Promoción de Turismo de Galicia en colaboración coa OET de Lisboa e incluiu un workshop de profesionais así como unha presentación de destino. O director de Turismo de Galicia destacou que Portugal é un mercado estratéxico para Galicia porque “é proximidade, é cultura compartida, é turismo e é tamén Camiño de Santiago”. O responsable autonómico tamén se referiu á importancia do mercado portugués no fenómeno xacobeo. En 2025 rexistráronse 22.821 Compostelas de peregrinos procedentes de Portugal, un 1,8% máis que no ano anterior, o que representa o 7,7% do total internacional. Con estas cifras, Portugal consolídase como o cuarto país de orixe dos peregrinos estranxeiros, por detrás de Estados Unidos, Italia e Alemaña.

Vínculo xacobeo

A maior parte dos peregrinos portugueses, case o 52%, escolle o Camiño Portugués, mentres que un 20,1% opta pola variante da Costa. Estes datos, sinalou Merelles, “confirman a forza do vínculo xacobeo entre Galicia e Portugal e a capacidade do Camiño para seguir xerando encontro, hospitalidade e intercambio cultural”.

Na súa exposición, o director da Axencia explicou que o Xacobeo 2027 representa “unha oportunidade estratéxica extraordinaria” para Galicia e que a Xunta traballa con planificación para que o próximo Ano Santo supoña un impulso non só para o turismo cultural e espiritual, senón tamén para o tecido empresarial. “Traballamos con planificación para que o próximo Ano Santo sexa un impulso para o turismo cultural e espiritual, pero tamén para o tecido empresarial e para o conxunto da economía galega”, afirmou.

Coa presentación en Porto, Turismo de Galicia reforza a súa estratexia de promoción internacional nos mercados prioritarios e afianza a colaboración co sector turístico portugués, nun momento clave para a preparación do Xacobeo 2027. O encontro permitiu poñer en valor o Camiño de Santiago como espazo compartido entre Galicia e Portugal e como un dos grandes elementos de conexión cultural, turística e económica entre ambos territorios.

Comparte este artigo