• O proxecto transformará o corazón urbano nun espazo máis accesible, verde, sostible e humano, eliminando barreiras e a antiga cafetería
• O prazo para a presentación de ofertas polas empresas interesadas permanecerá aberto ata o vindeiro 22 de xuño
O Concello de Carballo dá un paso definitivo cara á modernización do seu centro urbano coa saída a licitación hoxe mesmo do proxecto de reurbanización integral da Praza do Concello, a rúa Cervantes e parte da rúa Gran Vía. As empresas interesadas en executar esta ambiciosa obra terán de prazo ata o vindeiro 22 de xuño para presentar as súas ofertas.
Cun orzamento que rolda os 1,88 millóns de euros e un prazo de execución estimado en 9 meses, a actuación forma parte do proxecto Carballo a man e está financiada con fondos europeos FEDER dentro do programa 2021-2027. O obxectivo principal é transformala zona nun punto de encontro máis funcional, seguro, atractivo e, sobre todo, pensado para as persoas.
Solución aos problemas actuais
A intervención dará resposta a diversas deficiencias detectadas no espazo actual, como o deterioro do pavimento (con baldosas rotas e escorregadizas), a mala drenaxe que provoca acumulacións de auga e a existencia de numerosas barreiras arquitectónicas en forma de escaleiras e beirarrúas estreitas.
O proxecto prevé tamén a demolición da antiga cafetería, sen uso dende o ano 2019. A construción, que entrou en servizo en maio de 1900 tras derrubar o anterior quiosco, presenta problemas de accesibilidade insalvables segundo a lexislación vixente. Ao resultar imposible adaptar o edificio a un uso público ou comercial normativo, determinouse a súa demolición para reconvertelo nun espazo útil, seguro e accesible para a cidadanía, facilitando ademais a loxística do mercado ambulante e os eventos na praza.
O proxecto estenderase por toda a praza (agás a zona infantil), a rúa Cervantes e un treito da Gran Vía, creando unha plataforma única sen bordillos nin desniveis. Toda a zona funcionará a unha mesma cota, para garantir a accesibilidade universal e dar prioridade ao tránsito peonil fronte ao rodado.
Para dar continuidade estética ao centro urbano, empregarase un pavimento de granito tipo “Silvestre Mar/Moreno”, similar ao xa existente na rúa Colón. Este firme será altamente resistente e antiescorregadizo, e estará preparado ademais para soportar o tráfico pesado nas xornadas de feira.
Máis verde, sostible e adaptado ao cambio climático
A sustentabilidade é un dos piares desta reforma. O proxecto introduce medidas clave para a adaptación climática:
• Máis vexetación: prevese a plantación de 42 novas árbores e o aumento de alcorques para xerar zonas de sombra, mellorar a biodiversidade e regular a temperatura.
• Urbanismo sostible: instalaranse pavimentos drenantes que faciliten a infiltración da auga da chuvia e materiais claros para absorber menos calor.
• Eficiencia enerxética: renovaranse por completo as redes urbanas (abastecemento, saneamento, telecomunicacións) e a iluminación pública pasará a contar con tecnoloxía máis eficiente e menor contaminación lumínica.
O redeseño inclúe tamén a ampliación de espazos peonís entre a casa do concello, o mercado e a rúa Cervantes, eliminando obstáculos e incorporando novo mobiliario urbano, que sumará 18 bancos grandes e 11 pequenos, reorganizados estratexicamente para non interferir coa actividade comercial e cultural.
En definitiva, Carballo prepárase para estrear un centro urbano máis moderno, verde, accesible e dinamizador do comercio local.

