A Xunta destaca a capacidade de Galicia para acoller eventos deportivos de primeiro nivel internacional

Redacción
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na presentación da cuarta proba da Copa do Mundo de Natación Artística, que se desenvolverá esta fin de semana en Pontevedra
  • Diego Calvo salientou a presenza na competición da pontevedresa Daniela Suárez, primeira nadadora galega en chegar á selección española absoluta, e incidiu na importancia do deporte base como motor da alta competición

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe na presentación da cuarta parada da Copa do Mundo de Natación Artística, que se desenvolverá esta fin de semana no complexo deportivo pontevedrés Rías do Sur.

Na súa intervención, Diego Calvo salientou o prestixio que está gañando Galicia como sede de grandes eventos deportivos de proxección internacional e incidiu na excelencia organizativa da comunidade, na calidade das súas infraestruturas deportivas a na súa vocación de acollida para atraer competicións de primeiro nivel.

O conselleiro fixo tamén fincapé na relevancia deportiva dunha cita que reunirá en Pontevedra ás mellores seleccións e figuras mundiais da natación artística e incidiu  especialmente na presenza da pontevedresa Daniela Suárez, a primeira nadadora galega en chegar á selección absoluta española. Neste punto, insistiu na importancia do deporte base como alicerce fundamental para alcanzar o alto rendemento e enxalzou o labor que desenvolven clubs e entidades deportivas na promoción do deporte entre a rapazada e na formación de novos talentos.

Comparte este artigo