A Xunta salienta a boa acollida do novo Plan de Patrocinios para a Programación do Xacobeo 2027

Redacción

– O director de Turismo de Galicia respondeu unha pregunta no Parlamento onde salientou que esta nova ferramenta reforza a transparencia no proceso e “evidencia a confianza do sector nesta estratexia para xestionar os patrocinios deste gran evento”

– Recordou que está en marcha o proceso de valoración escalonada dos proxectos que estenden o seu apoio á celebración do Xacobeo 2027 nos anos 2026, 2027 e 2028

-Reiterou o retraso do Goberno de España noutra das vías de apoio ao Xacobeo, o mecanismo de exencións fiscais para as empresas que incentivará o patrocinio privado

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou hoxe a boa acollida que está a ter o novo Plan de Patrocinios do Xacobeo 2027 que puxo en marcha a Xunta de Galicia, o que demostra “a confianza do sector na estratexia da Xunta para xestionar os patrocinios deste gran evento”.

O director de Turismo defendeu ante o Parlamento un modelo de patrocinio “transparente, rigoroso e avalado por lei”, baseado en criterios obxectivos e orientado “á promoción turística de Galicia”. Como indicou, esta medida garante, ademais o uso eficiente dos recursos públicos na xestión dos patrocinios vinculados ao gran evento cultural e turístico de Galicia que é o Xacobeo 2027.

Xosé Merelles puxo en valor a contundente resposta que o Plan Director está a recibir por parte das empresas e organizadores de eventos. Explicou que nestes momentos, os eventos están en fase de avaliación de xeito escalonado e sucesivo, comezando cos proxectos que se celebren no 2026, para continuar co resto de propostas presentadas con datas para 2027 e 2028. Ademais, como indicou, existe un prazo aberto para aquelas propostas de especial interese estratéxico que conten xa con patrocinio privado.

Neste sentido, reiterou o retraso do Goberno de España noutra das vías de apoio ao Xacobeo, a referida á activación do mecanismo de exencións fiscais para as empresas, que facilitará e incentivará o patrocinio privado.  “Lamentamos que o compromiso do Goberno de España co Xacobeo non sexa o mesmo que o que temos en Galicia e que leve tanto tempo sen activar toda a arquitectura administrativa que lle corresponde realizar para ter este trámite feito o antes posible”.

Experiencia acumulada

O director reivindicou a boa xestión do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 para ordenar e estruturar os eventos que se patrocinan con fondos públicos vencellados a esta celebración e recordou que a fórmula de patrocinios funciona e a experiencia acumulada da Xunta demostra que o Xacobeo xera un efecto multiplicador considerable sobre o investimento público, retornando ás arcas públicas e ao conxunto da economía cantidades moi superiores ao gasto inicial.

Tamén está acreditado o seu impacto publicitario e mediático, especialmente entre públicos novos e internacionais, o que reforza a utilidade do patrocinio como fórmula de promoción e eficiente e de alto retorno.

Coa posta en marcha desta medida, a Xunta de Galicia avanza na programación do Xacobeo 2027 con ferramentas que están a permitir sistematizar o proceso, dotar de seguridade xurídica e traballar con máis previsión, garantindo a igualdade de oportunidades para os operadores e maximizando o impacto social, cultural, turístico e económico da celebración.

Comparte este artigo