– O Hospital Montecelo acolleu a presentación do novo Plan Integral de Tabaquismo da Área Sanitaria no marco dunha mesa redonda multidisciplinar sobre prevención e cesación tabáquica
– A programación da xornada incluíu accións de sensibilización, mesas informativas en Vilagarcía de Arousa e nos centros de saúde de Ribadumia, Bueu, Marín, A Parda e Virxe Peregrina de Pontevedra, a colaboración da Asociación Española Contra el Cáncer e alumnado da Facultade de Deseño da Universidade de Vigo coa elaboración e presentación de materiais gráficos e carteis preventivos
Con motivo do Día Mundial Sen Tabaco, promovido cada 31 de maio pola Organización Mundial da Saúde -OMS- a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés desenvolveu hoxe no salón de actos do Hospital Montecelo unha xornada institucional centrada na prevención e abordaxe integral do tabaquismo, considerado un dos principais problemas de saúde pública evitables.
A iniciativa serviu para presentar oficialmente o novo Plan Integral de Tabaquismo da Área Sanitaria, unha estratexia transversal orientada a reforzar a prevención, a detección precoz e o tratamento da dependencia tabáquica, consolidando ao mesmo tempo os centros sanitarios como espazos saudables, seguros e comprometidos coa promoción de hábitos de vida saudables.
A campaña deste ano da Organización Mundial da Saúde desenvólvese baixo o lema “Desenmascaremos o seu atractivo: combatamos a adicción ao tabaco e á nicotina”, poñendo o foco nas estratexias de promoción e deseño empregadas para incrementar o atractivo dos produtos relacionados coa nicotina, especialmente entre adolescentes e poboación nova.
O consumo de tabaco continúa a ser unha das principais causas de enfermidade, discapacidade e morte prematura no mundo, estando directamente relacionado con múltiples patoloxías respiratorias, cardiovasculares e oncolóxicas. Ademais, nos últimos anos preocupa especialmente o incremento do consumo de novos dispositivos electrónicos entre a mocidade, favorecendo a dependencia á nicotina e normalizando condutas de risco para a saúde.
Plan Integral de Tabaquismo
Durante a xornada déronse a coñecer as principais liñas de actuación do novo Plan Integral de Tabaquismo, entre as que destacan o reforzo da sinalización de espazos sanitarios libres de fume, a incorporación de campañas visuais e materiais divulgativos, así coma a difusión de contidos preventivos mediante soportes audiovisuais en consultas e habitacións de pacientes hospitalizados.
O Plan Integral de Tabaquismo tamén contempla novas accións de comunicación dirixidas tanto a profesionais sanitarios como á poboación xeral, ademais do desenvolvemento de estratexias específicas para favorecer a detección activa do consumo de tabaco durante os ingresos hospitalarios e noutros niveis asistenciais, aproveitando o contacto co Sistema Sanitario Público como unha oportunidade para iniciar procesos de cesación tabáquica.
Un dos eixes prioritarios desta estratexia será o fortalecemento da asistencia especializada mediante a consolidación de consultas de cesación tabáquica, tanto médicas coma de enfermaría, dirixidas a pacientes e profesionais sanitarios. Estas consultas ofrecerán valoración individualizada, seguimento clínico, apoio condutual e acceso a tratamento farmacolóxico adaptado a cada perfil clínico.
Mesa redonda e participacións comunitarias
A programación da xornada institucional centrada na prevención e abordaxe integral do tabaquismo celebrada hoxe no hospital Montecelo incluíu tamén unha mesa redonda moderada pola doutora Victoria Aldea Míguez, facultativa da Subdirección de Humanización e responsable do Plan de Acción de Tabaquismo da Área Sanitaria.
Na devandita mesa participaron Carmen García Hijano, coordinadora de atención aos pacientes e usuarios da Asociación Española Contra o Cancro -AECC- quen abordou os aspectos psicolóxicos e emocionais relacionados coa dependencia tabáquica. Así mesmo, a enfermeira Teresa Villanueva expuxo o papel da Atención Primaria na prevención e abordaxe do tabaquismo e a doutora Guadalupe González Valladares -especialista en Pneumoloxía do Hospital Montecelo- presentou a nova consulta de cesación tabáquica impulsada desde a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Esta xornada institucional complementouse na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés con actividades de sensibilización e participación comunitaria, con mesas informativas en Vilagarcía de Arousa e nos centros de saúde de Ribadumia, Bueu, Marín, A Parda e Virxe Peregrina de Pontevedra e a colaboración do alumnado da Facultade de Deseño da Universidade de Vigo, que participou na elaboración e presentación de materiais gráficos e carteis preventivos destinados a achegar as mensaxes de saúde pública á poboación mediante formatos innovadores e visualmente impactantes.
Intervencións sanitarias con maior impacto en saúde
Desde a Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés sublíñase que combater o tabaquismo continúa a ser unha das intervencións sanitarias con maior impacto en saúde e máis custo-efectivas, destacando ademais a importancia de implicar conxuntamente a profesionais, pacientes e institucións na construción de contornas máis saudables e libres de fume.

