― O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe as instalacións de Ourense, Ribadavia e O Carballiño, como mostra das accións impulsadas en toda a Comunidade nas que se están a implicar uns 1.800 praceiros e praceiras
― Haberá actividades de dinamización como mostras de cociña, actuacións musicais, sorteos de cestas de produtos, obradoiros infantís e concursos de debuxo, para potenciar as prazas de abastos como eixes centrais e vertebradores do comercio local
― Alén destaca o compromiso da Xunta coa ampliación da Rede de Mercados Excelentes, cun novo plan autonómico que está a rexer a colaboración coas entidades locais e que engloba o protocolo coa Deputación de Ourense para mellorar as prazas da provincia
― Aproveitou para referirse a outras iniciativas como Prato de Mercado, que potencia as sinerxías das prazas de abastos coa gastronomía das respectivas contornas
A Xunta celebra hoxe a campaña europea Quere o teu mercado en 41 prazas de abastos localizadas en 31 concellos de toda Galicia, o que supón a implicación de arredor de 1.800 praceiras e praceiros. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, desprazouse concretamente ás instalacións de Ourense, Ribadavia e O Carballiño, onde destacou as diferentes actividades organizadas, como mostras de cociña, actuacións musicais, sorteos de cestas de produtos, obradoiros infantís e concursos de debuxo.
Segundo o director xeral, esta celebración contribúe a consolidar as prazas de abastos como puntos neurálxicos da comercialización de produtos frescos de proximidade, ademais de como centros de actividades complementarias que inciden de xeito decidido na dinamización das vilas e cidades galegas. Nesa liña, referiuse a outras iniciativas que está a desenvolver o Goberno galego como a de Prato de Mercado, que busca potenciar a promoción das prazas de abastos a través da cociña galega, poñendo en valor a estreita conexión da gastronomía e da hostalería cos mercados.
Compromiso coa Rede de Mercados Excelentes
Alén destacou o compromiso da Xunta coa ampliación da Rede de Mercados Excelentes, que vén de motivar unha nova folla de ruta autonómica que está a rexer a colaboración coas entidades locais de cara a dar pulo á calidade e excelencia das prazas de abastos e mercados da Comunidade. O Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes establece apoios por parte do Goberno galego de ata o 70 % co gallo de promover obras de reforma, mellora ou modernización nas instalacións que aspiren a obter o selo de Mercado Excelente, co obxectivo de acadar 25 espazos con este distintivo no horizonte de 2030.
Nese plan englóbase o protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Deputación de Ourense para a mellora das prazas de abastos desa provincia, que prevé a formalización dos correspondentes convenios cos concellos interesados, como os casos recentes do Carballiño e de Xinzo de Limia.

