A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas renovan a súa colaboración para mellorar a accesibilidade aos espazos naturais e poñer en marcha accións de voluntariado ambiental inclusivo

Redacción
  • Ángeles Vázquez incide en que ambas institucións levan xa seis anos traballando da man para avanzar na supresión de barreiras comunicativas e favorecer a integración das persoas xordas e xordo-cegas a través de distintas iniciativas nestas áreas
  • Manteranse as visitas con guías-intérpretes de lingua de signos e os cursos de formación para achegar esta linguaxe ao persoal dos parques naturais
  • A Federación tamén se ocupará da adaptación de diferentes contidos informativos sobre o patrimonio natural galego para facelos accesibles para este colectivo

A Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAPXG) colaborarán un ano máis co obxectivo de mellorar a accesibilidade aos espazos naturais da Comunidade a través da eliminación de barreiras comunicativas e da posta en marcha de diferentes tipos de accións, entre as que destaca, como novidade, a organización de accións de voluntariado ambiental inclusivo.

Así o comprometeron esta mañá na Coruña a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a presidenta da FAPXG, María Alonso, mediante a sinatura dun convenio de colaboración para achegar as persoas xordas e xordo-cegas á natureza e favorecer o acceso en igualdade de condicións ao patrimonio natural galego.

Tras lembrar que ambas institucións levan traballando xuntas con este obxectivo desde fai seis anos, a responsable autonómica destacou que a principal novidade de 2026 será a posta en marcha dun programa de voluntariado inclusivo en espazos naturais galegos para ofrecer a posibilidade de que integrantes dalgunha das asociacións pertencentes á FAPXG poidan participar en accións ambientais deste tipo, enriquecendo deste xeito as iniciativas con diferentes perspectivas, capacidades e experiencias.

Cunha dotación de 10.000 euros, que serán achegados integramente polo departamento autonómico, o convenio prevé tamén, ao igual que en anos anteriores, a organización de visitas guiadas con intérpretes de lingua de signos para facilitar a participación das persoas xordas e que poidan gozar plenamente da experiencia de coñecer os principais espazos naturais protexidos de Galicia.

Deste xeito, a Federación comprométese a ofrecer un servizo especializado neste tipo de accións, garantindo unha comunicación real e efectiva entre persoas xordas, xordo-cegas e persoas oíntes a través da posta á disposición de intérpretes de lingua de signos e de guías-intérpretes para apoiar ao colectivo en diversas accións de comunicación, sensibilización e divulgación do medio ambiente.

Ademais, entre as obrigas asumidas pola FAPXG tamén figura a realización de códigos QR adaptados á linguaxe de signos para a súa colocación nos espazos naturais de Galicia e a adaptación de distintos contidos informativos sobre o patrimonio natural galego —entre eles, 38 vídeos institucionais aloxados en páxinas web e canais oficiais da Consellería e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural—.

A maiores, este ano tamén se repetirán os cursos en lingua de signos dirixidos ao persoal dos parques e doutros espazos naturais galegos, que se puxeron en marcha o pasado ano 2025 con grande éxito de participación.

O obxectivo do Goberno galego con este novo convenio, como resaltou a conselleira, é facilitar o coñecemento e o acceso das persoas xordas e xordo-cegas aos principais espazos naturais protexidos da Comunidade, así como a aquelas instalacións públicas destinadas a divulgar información sobre os mesmos, como os centros de interpretación e as aulas da natureza.

Neste sentido, a FAXPG é a entidade de referencia en Galicia en canto á representación dos intereses deste colectivo xa que actualmente integra a un total de sete asociación coa misión compartida de acadar o desenvolvemento integral das persoas xordas na Comunidade, en condición de accesibilidade universal e coa lingua de signos española como principal valor.

Comparte este artigo