- O Concello de Ribeira conta con 531 establecementos que ofertan máis de 4.300 prazas
- A Xunta leva investidos neste destino máis de 4M€ en actuacións que van desde a rehabilitación do Faro de Sálvora ata o Plan de Sostibilidade Turística en Destino Ribeira, ademais de apoios ao xeodestino e ás celebracións locais
O director de Turismo de Galicia Xosé Merelles, inaugurou esta mañá o novo hotel Alda Corrubedo, situado nunha das principais contornas naturais de Galicia, preto do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, onde os clientes poderán gozar da praias, a paisaxe, o patrimonio mariñeiro e a autenticidade da súa xente que “o converten nun destino cada vez máis valorado por quen busca natureza, tranquilidade e experiencias de calidade”. Así o puxo de manifesto Xosé Merelles durante a inauguración do establecemento que se suma á oferta turística do Barbanza e de Galicia con máis de 23 habitacións.
“É unha satisfacción asistir á apertura dun novo establecemento turístico porque cada vez que un negocio deste tipo abre as súas portas estamos a falar de investimento, creación de emprego e de persoas que deciden apostar polo futuro”, sinalou Xosé Merelles, quen felicitou aos responsables da iniciativa polo seu compromiso coa comarca e co sector turístico galego.
O concello de Ribeira conta con 531 aloxamentos turísticos que ofertan algo máis de 4.300 prazas e na comarca, son case 1.200 establecementos con máis de 9.500 prazas de aloxamento.
Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia puxo en valor a traxectoria de Alda Hotels, unha empresa fundada en Santiago de Compostela en 2009 que soubo consolidar un modelo de crecemento sostido e expansión mantendo a súa identidade galega. Na actualidade, a cadea conta con máis de 80 aloxamentos distribuídos por diferentes comunidades autónomas.
Neste sentido, destacou que proxectos como Alda Corrubedo “contribúen a reforzar a posición de Galicia como destino turístico de referencia”. O novo establecemento intégrase na categoría Alda Plus, a submarca de maior nivel da compañía, orientada a viaxeiros que buscan un maior confort e servizos diferenciados.
Un enclave privilexiado
Situado fronte ao porto de Corrubedo e a escasos metros da praia, o novo aloxamento localízase nun dos espazos de maior atractivo turístico da comarca. A súa contorna inmediata inclúe o núcleo mariñeiro da localidade, as praias próximas e o Parque Natural das Dunas de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, un dos principais referentes ambientais de Galicia.
Ademais da oferta de aloxamento, o establecemento incorpora un novo espazo de coworking en colaboración con Anosa Taberna, ampliando así os servizos dispoñibles para profesionais, equipos de traballo e visitantes que buscan combinar lecer e actividade laboral nunha contorna singular.
A apertura deste novo establecemento súmase aos investimentos impulsados pola Xunta para reforzar a competitividade turística desta comarca. Entre eles destacan os máis de 1,93 millóns de euros destinados ao proxecto de rehabilitación do Faro de Sálvora como centro de interpretación, os 2 millóns de euros do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Ribeira Destino Litoral Sostible, ademais da colaboración anual co xeodestino Barbanza-Arousa e o apoio ás celebracións locais coma a Festa da Dorna.
Neste contexto, a incorporación de novos establecementos como Alda Corrubedo contribúe a ampliar a capacidade de acollida da comunidade e a seguir avanzando cara a un modelo turístico sustentable, competitivo e xerador de riqueza e emprego.

