A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, felicita ao alumnado polo seu traballo colaborativo nesta proposta artística conxunta única e innovadora
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asistiu hoxe no Teatro Colón ao concerto It Don’t Mean a Thing if It Ain’t Got That Swing, o espectáculo da cuarta edición de Sinerxías Artísticas, un proxecto no que varios centros educativos desenvolven de forma conxunta unha peza escénica creada a partir do traballo colaborativo entre alumnos e docentes. Esta é a primeira vez que a proposta é unha idea orixinal desenvolvida desde cero dado que nas edicións anteriores se representaron obras xa existentes.
Neste caso foron sete os centros participantes, con máis de cen estudantes e profesores implicados, en concreto, o Conservatorio Superior de Música da Coruña, a Escola Pablo Picasso, o Centro Integrado de FP Paseo das Pontes, o Centro Integrado de FP Someso, o Centro Integrado de FP Imaxe e Son, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP quixo felicitar a todos os implicados polo seu compromiso e capacidade de traballo en equipo. “Nesta iniciativa, o alumnado demostra a calidade da súa formación e suma esforzos en ámbitos como o deseño visual e escenográfico, o vestiario, a caracterización, a documentación audiovisual, a construción dramatúrxica e escénica, así como a creación de ambientes florais e vexetais”, sinalou.
Plan Educ-ART da Xunta
O repertorio do concerto fai un percorrido musical e escénico pola historia do jazz e das súas múltiples transformacións a través de clásicos como Sing Sing Sing, It Don’t Mean a Thing ou Don’t Get Around Much Anymore, e fusións como Tributo a Tito Puente, Atlantic Bridge ou Killing Me Softly With His Song. Aínda que a interpretación musical corre a cargo da Big Band do Conservatorio Superior de Música da Coruña, os sete centros participan de forma activa na organización e posta en escena do evento.
Esta iniciativa enmárcanse no Plan EDUC-ART, impulsado pola Xunta de Galicia para modernizar, revalorizar e adaptar as ensinanzas artísticas adaptándoas ás novas realidades sociais, culturais e produtivas.

