A Xunta reforza a oferta da FP nas catro provincias, e sitúa a Galicia á vangarda de España en especialización, flexibilidade e a internacionalización

Redacción
  • Román Rodríguez destaca o “impulso cualitativo” ao servizo da calidade na FP con 50.244 prazas de novo ingreso distribuídas en 1.945 grupos de clase
  • Oito de cada dez prazas son de modalidade presencial cun total de 40.504, ás que se engaden outras 9.740 á distancia, unha opción tamén moi demandada
  • A oferta pública aglutina o crecemento este curso, con 46.144 prazas (92% do total) mentres que o ensino concertado ofrecerá outras 4.100
  • Haberá un total de 6.582 prazas para FP Dual Intensiva, 2.260 para másteres e 738 para títulos de alta especialización
  • Refórzase especialmente a FP Acelerada, cun 89% de crecemento, ata acadar as 45 formacións e 1.826 prazas
  • Incorpórase o primeiro dobre ciclo internacional de España, que será o Superior de Desenvolvemento e aplicacións multiplataforma no IES Fernando Wirtz da Coruña
  • Créase o primeiro itinerario integrado que permitirá unha pasarela de acceso directa da FB Básica a un grao medio como experiencia piloto contra o abandono escolar
  • Medra a oferta nas catro provincias e, especialmente, en áreas do rural como a de Valdeorras-Trives-Caldelas-Viana e a Mariña luguesa
  • Aumentan as prazas en 15 das 26 familias profesionais que se poden cursar en Galicia, e destacan a de Industrias extractivas, Imaxe persoal e Imaxe e son
  • Ofértase por primeira vez a familia de Intelixencia artificial e data con 80 prazas
  • As familias de Administración e xestión e Informática e telecomunicacións son as que concentran o maior número de prazas de novo ingreso

A Xunta de Galicia reforza de novo as ensinanzas de Formación Profesional para o vindeiro curso 2026-2027 en todas as provincias e na maioría das familias profesionais, cunha oferta que acada as 50.224 prazas de novo ingreso, un 2,22% máis que o curso actual. Así o destacou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que debullou a oferta por zonas e familias profesionais. 

Nunha rolda de prensa no Centro Integrado de FP CIFP Compostela, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o titular de Educación do Goberno galego salientou que a oferta formativa para o vindeiro curso “supera por primeira vez a barreira das 50.000 prazas de novo ingreso” repartidas en 1.945 grupos de clase que funcionarán desde setembro.

Segundo os datos presentados polo conselleiro, ofértanse 40.504 prazas presenciais (que representan o 80,6% do total), mentres que as 9.740 (19,4%) restantes son prazas á distancia, unha opción tamén moi demandada, sobre todo por aquelas persoas que xa están traballando e queren seguir formándose. Así pois, a modalidade presencial medra un 2,35% (930 prazas máis) mentres que a presencial faino un 1,56% (150 prazas máis).

Román Rodríguez tamén fixo fincapé en que a oferta pública aglutina o crecemento este curso, con 46.144 prazas públicas (91,8% do total) por 4.100 concertadas (8,2%).

Por modalidades, cómpre destacar as 6.582 prazas ofertadas en FP Dual Intensiva (+3,72%), 2.260 prazas en másteres de FP (+3,10%) repartidas en 99 grupos distribuídos por toda a xeografía galega, 738 en títulos de alta especialización repartidas en 31 grupos e as 1.826 de FP Acelerada.

Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, poderá escoller entre 277 titulacións diferentes -44 delas de nova implantación- repartidas entre 159 ciclos de grao básico, medio e superior, 33 másteres, 27 títulos de alta especialización, 45 formacións aceleradas e 14 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.

Segundo Román Rodríguez, estas cifras dan conta da “envergadura” da organización das ensinanzas de FP en Galicia a nivel cuantitativo. Non obstante, fixo especial fincapé no “impulso cualitativo” que se reflicte na “especialización, a flexibilidade e a internacionalización” a través de novas “que nos sitúan á vangarda de España”. Este é o caso da implantación do primeiro ciclo de dobre grao internacional pioneiro a nivel estatal ou o novo itinerario formativo integrado que arrancarán en setembro e que se suman a accións pioneiras do presente curso que agora se reforzan como a FP Acelerada, a FP Básica Adaptada e a FP Básica para Adultos, e outras anteriores como os másteres de FP e os cursos de alta especialización.

Aumento en todas as provincias e no rural

Atendendo aos datos territorializados, cómpre destacar que a oferta de FP medra nas catro provincias ata acadar as 20.542 prazas de novo ingreso na provincia da Coruña (+1,46%), 7.126 en Lugo (+5,17%), 5.603 en Ourense (+4,96%) e 16.973 en Pontevedra (+1,01%). Destaca tamén o peso específico das áreas metropolitanas como a de Vigo con 11.221 prazas (+1,64%), Santiago con 5.175 prazas (+5,85%), Ourense con 4.712 prazas (+4,92%), ou Lugo con 4.158 (+5,69%).

No eido rural, o vindeiro curso ofértanse un total de 8.487 prazas, 257 máis que no presente curso, o que supón un crecemento do 3,2%, por riba da media de Galicia. Neste caso, cómpre salientar a dinámica alcista da área de Valdeorras-Trives-Caldelas-Viana, que acada as 518 prazas (+14,6%), A Mariña con 1.856 prazas (+6,42%) e Barbanza-Muros-Noia, que acada as 1.367 prazas de novo ingreso (+3,95%).

Familias profesionais

En canto ás familias profesionais, a Xunta amplía prazas en 15 das 26 existentes, entre as que destaca a nova incorporación da de Intelixencia artificial e data, que se estrea con 80 prazas e dous novos másteres de grao superior de Xestión de datos e adestramento (nos institutos San Clemente de Santiago e Urbano Lugrís da Coruña)  e de Instalación, despregamento e explotación de sistemas (no instituto Fernando Wirtz da Coruña).

Atendendo a porcentaxes de suba,  o incremento máis significativo prodúcese na familia de Industrias extractivas, que medra case un 67% ao pasar das 66 actuais ás 110 o vindeiro curso, seguida de Imaxe persoal con 1.704 prazas (+8,26%), Imaxe e son con 880 prazas (+8,11%) e Edificación e obra civil con 1.062 prazas (+6,84%) e Hostalaría e turismo con 3.623 prazas (+5,84). Se atendemos a cifras absolutas, as familias con máis prazas son Administración e xestión (6.228 prazas), Informática e telecomunicacións (5.839 prazas), Electricidade e electrónica (4.640 prazas) e Sanidade (4.164 prazas).

Primeira titulación internacional

Atendendo ao impulso cualitativo da oferta, Román Rodríguez fixo fincapé na implantación, por primeira vez no ensino público en España, do dobre ciclo internacional de Desenvolvemento e aplicacións multiplataforma, que se impartirá no IES Fernando Wirtz da Coruña. Segundo explicou, arranca agora como experiencia piloto, onde os alumnos van combinar o currículo galego co británico destes estudos. “A  gran vantaxe é que os alumnos van obter unha titulación recoñecida internacionalmente de xeito directo en moitos países sen necesidade de someterse a un proceso de homologación”, sinalou.

É posible grazas ao novo decreto galego de FP aprobado este ano, que é moito máis ambicioso que a normativa estatal ao establecer a posibilidade de deseñar títulos de carácter internacional a través da combinación de currículos de Galicia e outros países.

Frear o abandono

Así mesmo, Román Rodríguez explicou que a Xunta segue apostando por novas fórmulas para garantir a permanencia do alumnado no sistema e frear o abandono escolar con accións ao abeiro do Plan FPGal360. Neste obxectivo enmárcase o novo itinerario integrado entre un ciclo de FP Básica e o ciclo de grao medio que se fará como experiencia piloto cos ciclos de grao básico en Cociña e restauración e grao medio en Cociña e gastronomía ou en Servizos en restauración no Centro Integrado de FP Compostela.

Deste xeito, os alumnos que se matriculen nel terán asegurada a súa continuidade nos citados ciclos de grao medio de forma directa sen necesidade de realizar unha nova solicitude e entrar no proceso de selección se fora o caso. Trátase de darlles as máximas facilidades para que continúen os seus estudos, se así o desexan, en prol dunha maior e mellor cualificación profesional de cara ao seu futuro persoal e laboral.

Reforzo da FP Acelerada, FP Básica Adaptada e para Adultos

A maiores destas novidades, a oferta de FP para o vindeiro curso vai ir consolidando outras novas vías formativas que arrancaron de xeito novidoso o curso que agora remata, como son a FP Acelerada, a FP Básica Adaptada e a FP Básica para Adultos.

No caso da FP Acelerada, ofertaranse un total de 45 formacións (este curso foron 18) con 1.826 prazas (un 88,64% máis) en 83 grupos de formación distribuídos por distintos puntos da xeografía galega: A Coruña, Carballeda de Valdeorras, Cedeira, Culleredo, Ferrol, Lugo, Monforte de Lemos, O Pereiro de Aguiar, Ourense, Pontedeume, Pontevedra, Ribadeo, Ribeira, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilamarín. Céntrase especialmente en sectores como a hostalaría, a automoción, as enerxías renovables ou a carpintaría metálica, entre outros.

Esta modalidade é unha vía única e exclusiva de Galicia que consiste nunha formación concentrada nun período de entre catro e seis meses. Representa unha dobre vantaxe xa que lle proporciona ás persoas unha formación rápida para o acceso ao mercado laboral e as empresas dispoñen de man de obra cualificada dun xeito áxil, sobre todo en sectores con maior demanda. As persoas reciben unha certificación profesional e, ademais, poderán convalidala para a obtención dun futuro título formativo. 

Reforzo do apoio a colectivos vulnerables

Tamén ao abeiro do Plan FPGal360, refórzanse as opcións formativas enfocadas á inclusión e a cualificación dos colectivos máis vulnerables e a loita contra o abandono escolar, como é o caso da FP Básica Adaptada e a FP Básica para Adultos.

A FP Básica para Adultos, dirixida a favorecer a capacitación profesional e a reinserción académica de persoas que no seu momento abandonaron o sistema, refórzase cun total de cinco ciclos e 144 prazas (+300% con respecto a este curso). A maiores dos dous que este ano se implantaron a modo de experiencia piloto e que se manteñen (Mantemento de vehículos no CIFP Ferrolterra e Servizos administrativos na EPAPU Berbés de Vigo), tamén se ofertan nesta modalidade os de Industrias alimentarias no Instituto Sanxillao (Lugo), de Informática de oficina no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) e de Mantemento de vivendas no IES Chan do Monte (Marín) e no IES Plurilingüe de Valga. Así mesmo, o xa implantado de Servizos administrativos na EPAPU Berbés de Vigo tamén se ampliará ao CIFP Porta da Auga (Ribadeo) e á EPAPU de Ourense

A FP Básica Adaptada refórzase con 36 prazas (o dobre que as 18 deste ano) para o programa de Comercio no Centro de Educación e Promoción de Adultos Berbés de Vigo. 

Comparte este artigo