A Xunta enxalza os 25 anos de traxectoria da Universidade Sénior da Coruña como referente do envellecemento activo

Redacción

Antón Acevedo lembrou que un dos piares do modelo galego de coidados é promover a participación social e vida activa dos maiores

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor os 25 anos de traxectoria da Universidade Sénior impulsada pola Universidade da Coruña, sendo un referente consolidado do envellecemento activo en Galicia. Así o sinalou ao remate do acto de graduación do alumando que remata os seus estudos este curso e que tivo lugar no paraninfo desta institución académica.
Antón Acevedo agradeceu a todos os alumnos e alumnas o seu esforzo, dedicación e empeño para seguir formándose e demostrando que a idade non é unha barreira. Neste sentido, lembrou que, precisamente, un dos piares do modelo galego de coidados se centra en promover a participación social e activa dos maiores, algo que se consegue – recalcou- a través de iniciativas como as formacións sénior.
Deste xeito, o director xeral recalcou que todo o alumnado desta Universidade Sénior é un exemplo da Galicia Calidade que promove o envellecemento activo e contribúe a evitar situacións de deterioro cognitivo ou a soidade non desexada. Ao mesmo tempo, Antón Acevedo, aproveitou a ocasión para convidar aos participantes a formar parte doutras iniciativas da Xunta como o programa Benestar en Balnearios ou o Carné +65.

Comparte este artigo