A alcaldesa participou hoxe nos actos programados por WE Sustainability e Mar de Fábula polo Día dos Océanos, cunha macrolimpeza executada entre as praias de Riazor, Orzán e o Matadoiro
A alcaldesa, Inés Rey, participou esta mañá nos actos programados polo Día Mundial dos Océanos, que incluíron unha xornada de macrolimpeza nas praias do Orzán e Riazor, organizada pola plataforma WE Sustainability e a asociación Mar de Fábula ao abeiro do proxecto A Gran Corrente.
Rey, acompañada polas concelleiras Yoya Neira e Nereida Canosa, puxo en valor esta iniciativa de carácter anual que busca concienciar sobre a importancia de preservar os mares, a súa riqueza e biodiversidade. “Os océanos son fonte de vida e as administracións públicas debemos seguir traballando para concienciar de que o primeiro paso para coidalos dámolo nós, cada cidadán e cidadá, entendendo que coidar o mundo que nos rodea debe ser un proxecto común”, apuntou a rexedora.
Este espírito de implicación colectiva foi o que se palpou na macrolimpeza levada a cabo este luns, na que participaron escolares de centros educativos coruñeses, entidades como Érguete e Aspronaga e tamén persoas internas en Teixeiro e o Centro de Inserción Social Carmela Arias y Díaz de Rábago, que traballaron posteriormente na categorización do lixo mariño retirado dos areais.
A alcaldesa agradeceu a colaboración das persoas participantes na actividade e tamén a das firmas impulsoras da iniciativa, con Óscar Vales (WE Sustainability) e Xosé Manuel Barros (Mar de Fábula) á fronte. “A concienciación é necesaria. Nas augas e praias atopamos residuos que tardan centos de anos en degradarse. Botellas de plástico, cabichas… Un xesto tan sinxelo como depositalas no contedor e a papeleira non debería interpretarse como un esforzo, senón como un xesto de civismo, sentido común e respecto polo espazo público”, expuxo.
Neste sentido, e xa ás portas dunha nova edición do San Xoán, Inés Rey apuntou que “a celebración da festa pode ser unha boa oportunidade para amosar, como cidadanía, o noso compromiso e conciencia cívica con esta causa, deixando as praias tal e como deben estar, limpas e sen residuos”. Por iso, e co obxectivo de profundar nesta liña de acción, o Concello está a traballar nunha campaña de concienciación coa colaboración de Champi Muros e Blondie Muser.

