- O Executivo galego aprobou 1.272 solicitudes de axudas ao abeiro da orde convocada o ano pasado para paliar os ataques da especie sobre o sector agrogandeiro
- As contías outorgadas varían en función da especie e da idade dos animais afectados por este tipo de ataques, oscilando entre os 41,47 euros e os 2.858,57 euros
- Estes apoios súmanse aos destinados a medidas preventivas como a compra de cans protectores, a adquisición de pastores eléctricos e cerrumes móbiles electrificados, a instalación de valados fixos e a contratación de persoas coidadoras do gando
- En total, cómpre lembrar que só durante o período 2016-2025 o Goberno autonómico leva destinados preto de 13,8 millóns de euros a apoiar ao sector tanto para previr como para compensar os danos causados por esta especie
A Xunta de Galicia concedeu o ano pasado un total de 851.996,99 euros a través de axudas para compensar ao sector agrogandeiro e paliar os danos causados polo lobo no período comprendido entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025.
Das 1.272 achegas concedidas, 25 foron por un importe de máis de 3.000 euros, que suman preto de 112.000 euros (112.700,27 euros en concreto), tal e como recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. A maiores, concedéronse outras 1.247 achegas por importe inferior a 3.000 euros (que suman un total de 739.296,72 euros) polo que, en total, as concesións ascenderon a 851.996,99 euros.
Con carácter xeral, as contías das axudas varían en función das especies afectadas e da súa idade, oscilando, por exemplo, entre os 41,47 euros dun exemplar de gando ovino/cabrún adulto de seis anos ou máis e os 2.858,57 euros concedidos para compensar a perda dunha res bovina de raza autóctona de entre dous e seis anos.
Estes importes calcúlanse en base ao baremo establecido na propia orde de axudas, podendo incrementarse nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobado que se están a aplicar medidas preventivas de xeito favorable.
Os apoios tamén inclúen a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses feridas, os gastos de eutanasia acreditados (de ser necesaria) e os abortos sufridos como consecuencia do acto de depredación. Por último, prevese un importe adicional en concepto de lucro cesante para o gando bovino e ovino-cabrún reprodutor de carne e leite (femias) que oscilará entre os 10,01 euros (no caso dunha cabra femia adulta de entre 1 e 6 anos) e os 1.983,41 euros (para as vacas de entre dous e seis anos).
O esforzo realizado neste eido terá continuidade tamén en 2026. Así, a finais do ano pasado a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria das axudas destinadas a compensar aos propietarios de gando afectados polos ataques destes animais, previa comunicación a través do teléfono 012, entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
A maiores destas achegas, a Xunta puxo este ano a disposición do sector agrogandeiro case 1,3 millóns de euros a través doutras tres liñas de axudas para adoptar medidas coas que previr os danos do lobo: en concreto, para a adquisición de cans protectores e defensores do gando, pastores eléctricos e cerrumes móbiles de malla electrificada (325.000 euros); para a adquisición e instalación de valados fixos (400.000 euros), e para a contratación de persoas coidadoras de gando extensivo (567.750 euros).
Este tipo de medidas de prevención é fundamental para facer compatible a actividade gandeira —mediante a protección das reses— coa presenza e a conservación do lobo na Comunidade, de aí que a Xunta leve anos apoiando economicamente aos gandeiros no seu impulso e implantación.
En total, cómpre lembrar que só na última década (durante o período 2016-2025) o Goberno autonómico leva destinados preto de 13,8 millóns de euros a apoiar ao sector tanto para previr como para paliar os danos causados por esta especie.

