Rueda destaca a futura cidade deportiva Afouteza como unha infraestrutura estratéxica que posiciona a Galicia como referente internacional na formación e innovación deportiva

Redacción
  • Sinala que o proxecto avanza a bo ritmo para dar lugar a un gran complexo deportivo no que os rapaces e rapazas da canteira do Celta medren e se formen tanto a nivel deportivo coma persoal
  • Subliña a proxección internacional de Galicia coas instalacións oficialmente confirmadas como subsede do Mundial 2030
  • A iniciativa foi declarada Proxecto de Interese Autonómico pola Xunta o pasado ano e está enmarcada en Galicia Sports 360

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a Cidade Deportiva Afouteza do Celta de Vigo como una infraestrutura estratéxica que posiciona a Galicia como referente internacional na formación e innovación deportiva cun “impacto e interese enorme para a nosa comunidade”.

Así se referiu durante unha visita ás obras da segunda fase deste complexo, que servirá de “fogar” para a formación integral da canteira. Así, valorou o bo ritmo dos traballos froito do diálogo permanente e o esforzo compartido entre o Real Club Celta, a Xunta, o Concello de Mos e as comunidades de montes.

Así, incidiu en que estas modernas instalacións non están concibidas unicamente para o primeiro equipo ou As Celtas, senón para que os rapaces e rapazas medren e se formen tanto a nivel deportivo coma persoal. Neste sentido, Rueda sinalou que a educación é “unha das partes máis importantes deste proxecto”, xa que a Cidade Deportiva Afouteza acollerá espazos orientados á formación de novos deportistas, ao desenvolvemento de técnicas de adestramento avanzadas, á promoción do fútbol feminino e á incorporación de laboratorios de e-sports, sumando así ao impulso da igualdade de oportunidades e ao aproveitamento do talento galego.

Neste sentido, o responsable do Executivo galego tamén destacou as futuras instalacións como un espazo que sumará “á revolución silenciosa da formación profesional galega, permitindo ampliala a novos nichos vencellados co deporte, un sector con moita demanda”.

O titular da Xunta remarcou que a proxección internacional da infraestrutura é xa un feito, toda vez que as instalacións de Afouteza foron confirmadas oficialmente como subsede para o vindeiro Mundial 2030 –xunto coa Cidade Deportiva A Madroa–, o que situará a toda Galicia no mapa do fútbol global ao acoller os adestramentos dalgunhas das mellores seleccións do mundo.

Rueda indicou que este proxecto significa tamén Galicia Calidade pola súa forma de entender as cousas, con compromiso ambiental, con respecto aos valores deportivos, coa vocación de sumar a todos arredor dun mesmo proxecto colectivo.

Galicia Sports 360

Esta iniciativa, que foi declarado Proxecto de Interese Autonómico pola Xunta o pasado ano, está enmarcada en Galicia Sports 360, unha aposta de país pola súa capacidade de xerar oportunidades de emprego e de dinamización de sectores como a construción, a hostalaría, os servizos e o turismo deportivo.

Comparte este artigo