Román Rodríguez reitera a aposta da Xunta pola inclusión educativa con novas medidas de reforzo nas aulas que se ampliarán o vindeiro curso

Redacción
  • O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na clausura da sexta edición do programa Talentos Inclusivos para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social 
  • Un total de 16 centros educativos presentaron as súas propostas como brazos robóticos, deseños en 3D ou pictogramas para mellorar a autonomía e a calidade de vida de persoas con parálise cerebral

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reitera a aposta da Xunta pola inclusión educativa nas aulas con novas medidas que se reforzarán e ampliarán o vindeiro curso ao abeiro do Plan de atención á diversidade como é o reforzo e consolidación de 400 especialistas de apoio, así como a baixada de ratios que se completará xa en toda a etapa de Infantil.

Así o sinalou esta mañá no acto de clausura da 6ª edición de Talentos Inclusivos, un programa para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña en colaboración coas entidades ASPACE Coruña, APAMP, Cruz Vermella A Coruña e Amencer-ASPACE e que conta co apoio da Xunta a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e de Política Social e Igualdade, e da Fundación Española para a Ciencia (FECYT), entre outros.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, salientou a importancia de programas coma este “que son un exemplo de colaboración entre universidades, centros educativos e alumnos ao servizo de colectivos como, neste caso, son as persoas con parálise cerebral”. Neste senso, gabou que a combinación de “creatividade e tecnoloxía” se traduce en “propostas de ideas ao servizo dunha maior autonomía e mellor calidade de vida destas persoas”.

Segundo o conselleiro, esta iniciativa responde “ao pé da letra” a varios dos eixos da Estratexia de inclusión educativa da Xunta, Eduinclusión 2030, como é o aproveitamento das novas tecnoloxías, a difusión de boas prácticas e a colaboración con entidades e colectivos neste eido para desenvolver accións ao servizo de toda a comunidade escolar e da cidadanía en xeral. De feito, esta estratexia,que ten como obxectivo blindar a igualdade de oportunidades para que cada alumno poida aproveitar as súas potencialidades, cun ensino á carta que se adapte ás necesidades individuais.

Román Rodríguez recalcou que a atención á diversidade “é unha prioridade de Goberno” e todo o que se faga neste eido “nunca é suficiente”, polo que a Xunta vai continuar traballando arreo para apuntalar o modelo galego de ensino como referente de España.

Tamén se referiu a posta en marcha da FP Básica Adaptada, que comezou este curso e que agora tamén se reforza, como unha modalidade para asegurar a permanencia do alumnado no sistema máis aló do ensino obrigatorio, o impulso das prácticas en empresas que fomenten a inclusión social e laboral, o apoio personalizado  aos alumnos en función das súas condicións e necesidades a través de programas formativos adaptados.

Solucións para a vida diaria

O Edificio Fontán, na Cidade da Cultura, acolle ao longo da mañá de hoxe os expositores nos que os 16 centros participantes en Talentos Inclusivos amosan máis de medio cento de proxectos desenvolvidos por alumnos de ESO, Bacharelato e FP en colaboración con persoas con parálise cerebral. Nos equipos participan estudantes, persoas con discapacidade, profesorado dos centros educativos e investigadores do CITIC.

Entre outras propostas, os equipos participantes amosan proxectos como brazos robóticos programables capaces de realizar tarefas básicas de cocina, pompeiros accesibles nos que as persoas con mobilidade reducida poidan accionar o mecanismo dun xeito sinxelo, un reloxo con pictogramas onde se asocian actividades a cada hora do día o que permite configurar horarios personalizados para que o usuario saiba que tarefa lle corresponde en cada momento, entre outros.

Participan nesta quinta edición de Talentos Inclusivos os seguintes centros.

CentroLocalidade
A Coruña
CPR Calasanz-PP EscolapiosA Coruña
IES Plurilingüe Eusebio da GuardaA Coruña
IES Ramón Menéndez PidalA Coruña
IES Agra do OrzánA Coruña
CEEPR Nosa Señora De LourdesA Coruña
CPR Plurilingüe MontespiñoCulleredo
IES Rego de TrabeCulleredo
CIFP Universidade LaboralCulleredo
IES Saturnino MontojoFerrol
IES Sofía CasanovaFerrol
IES Terra de TrasancosNarón
IES BreamoPontedeume
IES Maximino Romero de LemaZas
Lugo
IES José Trapero PardoCastro de Rei
IES Poeta Díez CastroGuitiriz
Ourense
CPR Plurilingüe Santa Teresa de JesúsOurense

Comparte este artigo