Os servizos de Cardioloxía, Medicina Interna e Humanización do CHUP impulsán unha actividade interactiva para previr o risco cardiovascular

Redacción
  • Dirixido a pacientes e acompañantes, o libro de gran formato titulado Carapuchiña Vermella, unha aventura do corazón estará emprazado tres semanas en zonas de tránsito de pacientes do Hospital Montecelo
  • Este proxecto didáctico, en colaboración coa compañía biotecnolóxica Amgen, utiliza o formato de “elixe a túa propia aventura” para implicar aos usuarios na toma de decisións saudables
  • A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa a impulsar accións orientadas á promoción da saúde e á prevención das enfermidades cardiovasculares, fomentando hábitos de vida saudables entre a poboación

Os servizos de Cardioloxía e Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, en colaboración coa Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía e coa compañía biotecnolóxica Amgen, veñen de poñer en marcha unha innovadora actividade interactiva dirixida a pacientes e acompañantes a través do libro titulado Carapuchiña Vermella, unha aventura do corazón. Esta acción busca promover a prevención e a concienciación sobre os riscos cardiovasculares, unha das principais ameazas para a saúde pública e a primeira causa de mortalidade en Galicia.

Púxose de manifesto durante a presentación destaa iniciativa que as enfermidades cardiovasculares continúan a representar un dos maiores retos sanitarios da actualidade. Os profesionais participantes lembraron que ata o 80 % dos eventos cardiovasculares, coma o infarto de miocardio ou o ictus, poden previrse mediante a adopción de hábitos de vida saudables e o control dos factores de risco modificables.

Primeira causa de mortalidade na comunidade autónoma

Segundo datos do ano 2024 do Instituto Nacional de Estadística, en Galicia rexistráronse 8.983 defuncións por doenzas do sistema circulatorio, representando a primeira causa de mortalidade na comunidade autónoma, sendo a segunda os tumores -con 8.239 mortes-.

A ferramenta central desta campaña é un libro interactivo de grandes dimensións —80 por 60 centímetros— titulado Carapuchiña Vermella, unha aventura do corazón. O volume permanecerá instalado durante as vindeiras tres semanas en zonas de tránsito de pacientes do Hospital Montecelo e propón aos lectores unha experiencia baseada no coñecido formato de “elixe a túa propia aventura”.

Ao longo da lectura, os usuarios enfróntanse a distintas situacións relacionadas coa alimentación, a actividade física, o tabaquismo ou a xestión do estrés. Cada decisión conduce a un desenlace diferente, permitindo visualizar de forma sinxela e didáctica como os hábitos cotiáns inflúen directamente na saúde cardiovascular.

Formato interactivo para a prevención

Durante a presentación deste libro, os profesionais participantes destacaron o valor desta ferramenta coma complemento ás actividades de educación para a saúde que se desenvolven habitualmente nos centros sanitarios. Neste sentido, subliñaron que a prevención cardiovascular require da implicación activa da cidadanía e que iniciativas deste tipo contribúen a achegar mensaxes de saúde pública dun xeito innovador, accesible e participativo.

O acto de presentación do libro Carapuchiña Vermella, unha aventura do corazón contou esta mañá no vestíbulo do hospital Montecelo coa participación do doutor Jorge García-Borregón, subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía; Silvia Amoedo Casqueiro, subdirectora de Enfermería de Atención Primaria así coma de profesionais dos servizos de Cardioloxía e Medicina Interna, entre outras áreas asistenciais. Tamén asistiron ao dito evento os representantes da compañía biotecnolóxica Amgen Juan Pazos, Alejo Fernández e Loreto Rodríguez.

Accións de promoción da saúde

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa deste xeito a impulsar accións orientadas á promoción da saúde e á prevención das enfermidades cardiovasculares, fomentando hábitos de vida saudables entre a poboación mediante iniciativas innovadoras e de carácter participativo.

Comparte este artigo