- López Campos e Villaverde destacan que estas intervencións artísticas “non só embelecen os contornos urbanos, senón que os revitalizan cultural e socialmente”
- O titular de Cultura inxire estas propostas dentro das actuacións ao abeiro da Lei de cultura inclusive e accesible, para un acceso universal as propostas culturais
- A responsable do Mar salienta o investimento de 330.000 € do seu departamento na mellora deste peirao que culmina con esta pintura muralista
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a conselleira do Mar Mar, Marta Villaverde, participaron hoxe na inauguración da pintura mural realizada no espigón da Doca, no municipio pontevedrés de Baiona, pola artista Lula Goce e que erixiron de exemplo da “promoción da arte en espazos públicos que está a facer a Xunta para fomentar a dinamización e participación cultural”.
Deste xeito, o titular de Cultura do Goberno galego salientou que estas intervencións artísticas “non só embelecen os contornos urbanos, senón que revitalizan cultural e socialmente”. Neste senso, puxo en valor a arte urbana como “alicerce da transformación” de vilas e pobos, xa que “promove a cohesión social, fomenta o diálogo comunitario e potencia una participación ciudadana activa e comprometida”.
Ao respecto, López Campos celebrou estas propostas nas que “a arte sae á rúa propiciando que se lle acheguen, coñezan e desfruten dela diferentes tipos de públicos”. Precisamente, apuntou que o obxectivo de propiciar a creación e programación cultural de acceso universal está no xermolo da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia, “pioneira en Europa e que está fomentando iniciativas culturais como a de hoxe, na que a cultura esta ao alcance de todos, a través dun lenzo xigante no que se celebra o patrimonio cultural local”.
Melloras no peirao
Pola súa banda, a conselleira do Mar lembrou que esta pintura muralista de Lula Goce sitúase nun espazo que “forma parte da vida cotiá da veciñanza de Baiona, un lugar de encontro, de paseo, de conversa e de desfrute á beira do mar”. Ademais, supón o “culmen ao investimento de 330.000 euros realizado na mellora deste peirao” co que se procurou, segundo destacou, “convertelo nun punto de referencia cultural e turístico, promovendo o coñecemento da tradición pesqueira e a conservación do entorno mariño”.
Deste xeito, lembrou que a actuación de remodelación deste peirao é resultado dun convenio de colaboración entre o ente público Portos de Galicia, o Concello de Baiona e a Fundación Sabadell. Pola súa parte, o Concello de Baiona encargouse de tramitar os permisos para a actividade e organizar e supervisar o desenvolvemento da mesma a o tempo que elaborou o proxecto artístico, a través dun proceso participativo no que finalmente seleccionou a artista Lula Goce.
Ambos os dous conselleiros estiveron acompañados no acto de inauguración do mural pola delegada da Xunta de Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.

