A Xunta cede ao concello de Poio unha escultura realizada no CIFP de Cantería de Galicia

Redacción

O conselleiro Román Rodríguez participa na inauguración dunha obra elaborada en granito por un antigo alumno e que representa a unha nai co seu fillo

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou no acto de inauguración dunha escultura no parque de Lourido do concello de Poio, unha peza realizada por un antiguo alumno, José Manuel Mosteiro, da escola convertida hoxe en Centro Integrado de FP Cantería de Galicia. Neste acto, puxo en valor o labor desenvolvido por profesionais vinculados historicamente á escola na proxección e prestixio destas ensinanzas.

A obra representa a unha nai co seu fillo no colo, á que se engadiu unha peana para darlle altura. Está realizada en granito fino, da cantería de Lalín, conta cunha altura de 1,53 centímetros e un peso aproximado de 250 quilos, e supón un exemplo do traballo artesanal e artístico que se desenvolve neste centro formativo.

O representante do Goberno galego salientou a evolución da escola, que nos últimos anos adoptou a condición como Centro Integrado de Formación Profesional, permitindo, entre outras cuestións, o recoñecemento oficial das ensinanzas e a acreditación da experiencia profesional de persoas tituladas en etapas anteriores.

Así mesmo, destacou que a Consellería vén de ampliar a oferta do CIFP de Cantería de Galicia para o vindeiro curso con tres titulacións novas, un total de 72 prazas máis. En concreto, o centro estrea un ciclo no réxime ordinario, o de grao superior en Proxectos de edificación, e outro na modalidade de FP Dual Intensiva, o de grao superior en Organización e control de obras de construción. Así mesmo, suma ao seu catálogo un máster de FP, en Modelaxe da información da construción.

Comparte este artigo