- Trátase de habilitar un itinerario peonil e ciclista pola marxe esquerda desta estrada nunha lonxitude de preto dun quilómetro de lonxitude, incluíndo elementos de drenaxe e estruturas de contención e sostemento de noiros, que suporá un investimento de máis de 710.000€
- O acto para o levantamento de actas previas terá lugar este 25 de xuño, e o de formalización levarase a cabo o vindeiro día 30 de xullo
- Acometeranse obras complementarias para garantir a funcionalidade da senda, entre as que se inclúen unha parada de autobús á altura do quilómetro 0+700 e a execución de varios treitos de varanda urbana
- O Goberno galego con esta nova senda na PO-313, segue a avanzar na consolidación dunha rede de mobilidade sustentable e integrada no contorno, que dá continuidade ás sendas executadas de Coirados – Pardavila e Pardavila – Cadro
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para este mes de xuño e o vindeiro mes de xullo, dos actos expropiatorios para levar a cabo o proxecto para a construción dunha senda na estrada autonómica PO-313, no treito que comunica Cadro e Cadrelo, no concello de Marín.
O acto para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para o vindeiro dia 25 de xuño na Casa do Concello de Marín: das 09.00 ás 13.30 horas. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o vindeiro día 30 de xullo na mesma localización, das 11.00 horas ás 12.30 horas.
Tratase de construír un novo itinerario peonil e ciclista na marxe esquerda da vía, de preto de 1 quilómetro de lonxitude. Así, as obras deste novo itinerario, que se desenvolverá entre os puntos quilométricos 4+120 e 5+035, incluirán tamén as actuacións complementarias necesarias, nas que se inclúe a execución de elementos de drenaxe e estruturas de contención e sostemento de noiros, dentro do termo municipal de Marín.
A intervención
A través do proxecto proposto, o departamento de Infraestruturas de Xunta ten como obxectivo habilitar un novo itinerario cunha lonxitude de entre 1,80 metros e os 2,22 metros (2 metros de senda e 22 centímetros de bordo), reducindo o mínimo permitido onde sexa necesario para evitar afectar construcións existentes: muros, galpóns ou peches.
No que respecta aos carrís de circulación, manteranse cun largo de 3,50 m, con beiravías entre 0,5 e 1,1 m, ampliándose este en zonas puntuais ata os 1,1 m, onde o trazado así o permita.
Tamén, como consecuencia da execución da senda peonil e ciclista, executaranse obras complementarias o que fará preciso repoñer o firme da PO-313.
Prevese, ademais, un sistema de evacuación das augas de escorrega superficial conformado por unha rede de tubaxes e sumidoiros, que verterán os caudais recollidos cara aos puntos de vertedura existentes.
Así mesmo, incluiranse obras complementarias no treito de actuación, para garantir a funcionalidade da senda, como a instalación dunha parada de autobús na contorna do punto quilométrico 0+700, ou a execución de varios treitos de varanda urbana ao longo do percorrido da senda peonil e ciclista.
As actuacións previstas neste proxecto poderán contar con financiamento europeo a través do programa operativo Feder 21/27. O prazo de execución das obras é de 12 meses.

