A ximnasia rítmica de Nigrán volve estar de parabéns. Os equipos do Club As Ronseis que adestran no municipio asinaron unha tempada histórica ao proclamarse subcampións galegos nas súas respectivas categorías e conseguir ademais o ascenso de nivel para a próxima tempada.
O primeiro dos éxitos chegou no Campionato Galego Escolar de Ximnasia Rítmica, celebrado o pasado 24 de maio en Pontevedra, onde o equipo de categoría Iniciación Escolar logrou unha brillante medalla de prata e o título de subcampión galego. Un resultado especialmente meritorio ao tratarse do primeiro ano de competición para estas ximnastas, que demostraron sobre o tapiz un gran nivel, compromiso e capacidade de superación.
Grazas a este resultado, o conxunto consegue ademais o ascenso ao nivel Promoción para a próxima tempada, un importante paso adiante na progresión deportiva das mozas deportistas.
A este éxito sumouse o conseguido o pasado sábado 13 de xuño no Campionato Galego de Promoción de Ximnasia Rítmica. O equipo de Promoción do club, tamén formado e adestrado en Nigrán, realizou unha magnífica actuación que lle permitiu proclamarse igualmente subcampión galego.
Este novo podio autonómico ten ademais unha recompensa engadida: o ascenso ao nivel Prebase, unha categoría de maior esixencia que permitirá ás ximnastas continuar crecendo e achegarse a obxectivos cada vez máis ambiciosos.
Estes resultados reflicten o excelente traballo que se vén desenvolvendo en Nigrán, tanto por parte das ximnastas como do equipo técnico e as familias, consolidando ao club como unha referencia da ximnasia rítmica na comarca e demostrando que o esforzo, a constancia e a ilusión teñen recompensa.
Chamamento para completar un equipo con gran proxección
Para a próxima tempada, o club fai ademais un chamamento a aquelas ximnastas que queiran asumir un novo reto deportivo.
O equipo recentemente ascendido a Prebase, un dos conxuntos con maior proxección do club e con opcións reais de seguir crecendo ata competir en campionatos nacionais nos próximos anos, necesita incorporar unha nova ximnasta tras a marcha dunha dos seus integrantes por motivos familiares.
Por iso, o Club As Ronseis invita as ximnastas interesadas a informarse e probar co equipo para completar unha formación que demostrou un enorme potencial competitivo e que afronta a próxima tempada con grandes obxectivos e ilusións.

