O director de Turismo de Galicia xunto co comisario do Ano Santo Xacobeo 2027 visitaron a montaxe da cita que xera da orde de 5.000 postos de traballo directos e indirectos
O Monte do Gozo prepárase xa para recibir unha nova edición de O Son do Camiño, o gran festival musical de Galicia, que volverá reunir máis de 125.000 persoas os días 18, 19 e 20 de xuño co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia.
Esta mañá, o director de Turismo de Galicia Xosé Merelles xunto co comisario do Ano Santo Xacobeo 2027, Marcos Gómez, visitaron o recinto que acollerá a sétima edición de O Son do Camiño, unha cita consolidada como o maior festival do norte de España e un dos eventos musicais de referencia do país.
No marco dos Concertos do Xacobeo, este festival que se celebra no Monte do Gozo reafirma o seu papel como un dos principais embaixadores da marca Galicia Calidade e como unha ferramenta estratéxica para a promoción turística da comunidade a través da música en directo. Neste sentido, Xosé Merelles destacou que “nas últimas edicións, máis do 40% das persoas asistentes procederon de fóra de Galicia, con presenza destacada de visitantes chegados de Portugal, Reino Unido, Suíza e Italia, consolidando o festival como unha plataforma de proxección internacional para Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago e Galicia”.
Durante tres xornadas, o público poderá gozar dunha programación formada por máis de 40 artistas e bandas nacionais e internacionais, entre os que destacan Linkin Park, Katy Perry, Dani Martín, Lola Índigo, Biffy Clyro, Afrojack, Guitarricadelafuente e Hoobastank, así como os galegos Sen Senra e Carlos Ares. Este cartel diverso complétase cunha ampla oferta de música electrónica, cun escenario electrónico no que máis de 18 actuacións conformarán unha proposta especializada, que contará con figuras como Jimi Jules, Patrick Mason, HAAi, DJ Gigola ou Héctor Oaks.
Referíndose precisamente ao cartel deste ano, Marcos Gómez destacou que “o festival demostra ano tras ano a súa capacidade para impulsar unha programación musical de primeiro nivel e para converter a música nun instrumento de promoción turística, dinamización económica e proxección internacional de Galicia Calidade”.
Ademais, O Son do Camiño tamén é motor económico da cidade. O festival superou o pasado ano os 23 millóns de euros de impacto económico e xerou arredor de 5.000 postos de traballo entre directos e indirectos, ademais de contribuír a rexistrar niveis de ocupación hoteleira do 100% na cidade e na súa contorna durante os días de celebración.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
Dentro da axenda de Concertos do Xacobeo para este 2026, entre os eventos máis destacados da edición 2026 figuran festivais de proxección internacional como este de O Son do Camiño e tamén o Resurrection Fest, PortAmérica, Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou Gozo Festival. Xunto a eles, consolídanse propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, Costa Feira, Galicia Fest ou Ou Yeah!
A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único do programa, que continúa con 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

