Xosé Merelles destaca a consolidación da Calidade Turística de Sanxenxo con 55 novos distintivos SICTED

Redacción
  • Este concello ten recoñecidos 83 establecementos SICTED, dos que o 66% recibiron esta distinción na Gala deste martes
  • Sanxenxo recibiu 40.124 viaxeiros no que vai de ano, que realizaron 80.727 noites, un 13% máis que no mesmo período de 2025 en cada un dos dous indicadores

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde na 1ª Gala de Turismo de Sanxenxo. Durante o evento, que se desenvolveu no Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas -no pazo de Quintáns-, fíxose ademais entrega de 55 novos distintivos SICTED a empresas do sector con sede en Sanxenxo.

Na actualidade, Sanxenxo conta con 83 establecementos e servizos turísticos certificados, dos que o 66% recibiron este martes a distinción. A localidade é ademais ente xestor SICTED desde o ano 2004, sendo un dos destinos pioneiros na implantación deste programa.

Durante a entrega das certificacións, Xosé Merelles puxo en valor a celebración desta primeira Gala que, dixo, “resulta de especial interese dado o valor estratéxico do sector turístico para a localidade”. Neste sentido, recoñeceu o traballo de empresas, profesionais e entidades, “que contribúen á consolidación do destino e das Rías Baixas en xeral como un dos principais focos de atracción de visitantes de Galicia”.

O evento serviu ademais para salientar o esforzo pola excelencia e a sostibilidade do sector, coa entrega dos distintivos SICTED. “Estes supoñen unha aposta pola calidade turística e a mellora de servizos”, de tal modo que se mellore a difusión do destino, garantindo unha experiencia turística homoxénea e de calidade e fomentando a formación e a implantación de boas prácticas.

Merelles lembrou ademais que Galicia pechou 2025 cun total de 18 destinos SICTED e 1.522 entidades turísticas participantes, das que o ano pasado foron distinguidas 1.269, alcanzando un máximo histórico tanto no que se refire a entidades distinguidas a participantes. Así, Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis entidades distinguidas, só por detrás de Andalucía e Valencia.

O director de Turismo de Galicia apuntou que desde a Xunta estase a facer unha importante aposta por garantir unha oferta turística distinguida pola excelencia e sostibilidade, tanto a través da consolidación da marca Galicia Calidade como doutros selos e iniciativas, entre os que están o propio SICTED, os distintivos Q de Calidade ou S de Sostibilidade.

Esta aposta por un turismo de calidade reflíctese nos bos datos de turismo, sinalou. En Sanxenxo, no primeiro cuadrimestre de 2026 rexistráronse 40.124 viaxantes, que realizaron 80.727 noites, máis dun 13% respectivamente en relación ao mesmo período do pasado ano.

Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas

O evento desenvolveuse no Centro da Cultura Gastronómica Rías Baixas. Situado no Pazo de Quintáns, trátase dun espazo de referencia para a divulgación, promoción e posta en valor da identidade gastronómica das Rías Baixas, con áreas específicas para os produtos típicos da zona e os de tempada, a dieta atlántica e a relación entre paisaxe, actividade agropecuaria e pesqueira, alimentación e cociña, entre outras.

Na súa rehabilitación investíronse 2M€ de fondos europeos, canalizados a través do PSTD Sanxenxo 365 días, que se enmarca  á súa vez no Plan Territorial de Sostibilidade Turística do Litoral. 

Comparte este artigo