Galicia e outras comunidades litorais insisten en reclamar ao Goberno Central a paralización da reforma do Regulamento de Costas ata que se reúna a Conferencia Sectorial

Redacción
  • O obxectivo é abrir un proceso de diálogo transparente e leal sobre a reforma que puxo en marcha de xeito unilateral o Goberno central e que non só é contraria a dereito e invade competencias autonómicas, senón que vulnera os dereitos adquiridos dos titulares das concesións que se pretenden modificar
  • A Xunta reivindica un modelo de cogobernanza real no que as comunidades participen activamente na definición dos criterios técnicos dos deslindes, na planificación da adaptación ao cambio climático e na xestión do dominio público marítimo-terrestre
  • A directora xeral pon a Lei do litoral de Galicia como exemplo de transparencia, participación e cooperación entre administracións, e sinálaa como modelo do que debería ser a regulación estatal desta materia

Galicia e outras sete comunidades litorais -Cantabria, País Vasco, Cataluña, Comunidade Valencia, Andalucía, Illas Baleares e Canarias- acordaron dirixirse nunha carta conxunta ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico solicitando a paralización cautelar da reforma do Regulamento Xeral de Costas ata que se reúna a Conferencia Sectorial.

Segundo dixo a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, durante a súa participación en Barcelona nunha reunión de comunidades costeiras, o obxectivo é abrir un proceso de diálogo transparente e leal sobre a reforma que puxo en marcha de xeito unilateral o Goberno central.

Nese senso, as comunidades indican que non existe ningunha obriga inmediata que lexitime esta reforma acelerada e que, ademais de ser contraria a dereito e invadir competencias autonómicas, suporía unha grave vulneración dos dereitos adquiridos por miles de titulares de concesións no litoral que obraron confiando nos principios de seguridade xurídica e confianza lexítima.

Agora, de xeito arbitrario ven ameazados eses dereitos cunha reforma do Regulamento de Costas que pretende limitar as concesións xa outorgadas (ata o punto de revogalas), restrinxir a posibilidade de dar novas concesións e cambiar tanto as regras como o propio taboleiro de xogo coa partida xa iniciada.

Pola contra, reivindicou que as comunidades fan unha xestión rigorosa co fin de facilitar a vida do conxunto da cidadanía. De feito, desde que Galicia xestiona plenamente a súa costa, a Xunta impulsou a creación dun rexistro público de concesións -que o Ministerio nunca habilitou-, simplificou e dixitalizou a tramitación administrativa -pasando de numerosos documentos en papel a unha única solicitude por vía electrónica- e unificáronse criterios para dar seguridade xurídica aos administrados, que antes se enfrontaban a distintos requisitos en función da provincia á que pertencesen.

Deste xeito, a Xunta insiste na importancia de desenvolver un modelo de cogobernanza real no que as comunidades participen activamente na definición dos criterios técnicos dos deslindes, na planificación da adaptación climática e na xestión do dominio público marítimo-terrestre. Ademais, subliña que é fundamental que a nova normativa incorpore a tripla perspectiva ambiental, social e económica, tal e como fai precisamente a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Nesa liña, a directora xeral puxo a lei galega como exemplo de transparencia, participación e cooperación entre administracións, e sinalouna como modelo do que debería ser a regulación estatal desta materia.

Comparte este artigo