A unta pon o Spigal como exemplo da transformación científica en acción pública útil para protexer, anticiparse e responder ante os lumes

Redacción
  • A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático salienta o traballo de MeteoGalicia no deseño deste programa que, a través da integración de información meteorolóxica, datos do territorio e variables relacionadas co comportamento do lume, ofrece simulacións avanzadas sobre a posible evolución dun incendio forestal
  • Ángeles Vázquez di que Spigal busca ofrecer unha maior capacidade de anticipación xa que en 30 minutos é capaz de obter unha simulación e prever a evolución do lume durante as seguintes 12 horas, e nunha hora a previsión para 24 horas
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes incide na importancia da nova ferramenta para facilitar a anticipación e a coordinación dos efectivos que participan na loita contra os incendios forestais, no marco da aposta da Xunta por situarse á vangarda tecnolóxica neste eido
  • A conselleira do Medio Rural destaca que o futuro da defensa contra os incendios pasa por combinar experiencia, profesionalidade e innovación.
  • María José Gómez lembra que está xa dispoñible a aplicación móbil ALume, que permite á cidadanía alertar dos incendios forestais dunha forma inmediata, sinxela e xeolocalizada

A Xunta puxo hoxe o Simulador de propagación de incendios de Galicia (Spigal) como exemplo da transformación de información científica en acción pública útil para protexer, anticiparse e responder ante a nova tipoloxía de lumes.

Esta ferramenta tecnolóxica que ten como obxectivo reforzar a capacidade da Xunta para reaccionar ante os incendios forestais foi presentada hoxe en Santiago de Compostela nun acto no que participaron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, así como técnicos que participaron no desenvolvemento desta iniciativa.

Durante a súa intervención, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo en valor o traballo realizado por MeteoGalicia para o deseño deste programa que, a través da integración de información meteorolóxica, datos do territorio e variables relacionadas co comportamento do lume, ofrece simulacións avanzadas sobre a posible evolución dun incendio forestal.

En concreto, integra datos en tempo real sobre o incendio; analiza variables dinámicas como vento, o fume, a humidade da vexetación, a topografía ou a chuvia, e incorpora ao sistema as actuacións executadas polo Servizo Galego de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. A partir disto, xera simulacións da propagación do lume e da posible creación de focos secundarios.

Segundo dixo Ángeles Vázquez, Spigal nace coa vocación de proporcionar unha maior “capacidade de anticipación” xa que en 30 minutos é capaz de obter unha simulación e prever a evolución do lume durante as seguintes 12 horas, e nunha hora a previsión é de 24 horas.

Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente subliñou que a información xerada por esta ferramenta poderá contribuír a anticipar comportamentos do lume, identificar escenarios de risco e facilitar unha planificación máis eficaz das actuacións de extinción. Así mesmo, Spigal pode converterse nun instrumento de enorme utilidade para mellorar a coordinación dos medios de emerxencia, reforzar a planificación operativa e facilitar a adopción de medidas preventivas cando as circunstancias así o aconsellen.

Ángeles Vázquez incidiu en que este simulador é exemplo do esforzo da Xunta para ofrecer as mellores respostas aos desafíos da sociedade a través da integración do coñecemento científico, a innovación tecnolóxica e a cooperación institucional.

Anticipación e coordinación

Nesa liña, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes incidiu na importancia do Simulador de Propagación de Incendios de Galicia para facilitar a anticipación e a coordinación dos diversos efectivos que participan na loita contra os incendios forestais, así como para a análise posterior do comportamento do lume.

Salientou tamén a aposta da Xunta por situarse á vangarda tecnolóxica neste eido, asegurando que non se vai escatimar na utilización destes recursos para a protección do medio e das persoas. Así mesmo, Diego Calvo agradeceu tanto o traballo feito por Meteogalicia no desenvolvemento desta nova ferramenta como o labor que realizan todos os efectivos implicados na loita contra os incendios forestais.

Maior coñecemento e mellores ferramentas

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural asegurou que todas as iniciativas que permiten mellorar na loita contra os incendios forestais son unha “gran noticia”. Nun contexto marcado por lumes complexos e condicións meteorolóxicas cambiantes, é fundamental contar co maior coñecemento posible e coas mellores ferramentas, e é neste escenario no que “a tecnoloxía xoga un papel cada vez máis importante”. Neste sentido, sinalou que o futuro da defensa contra os incendios pasa por combinar experiencia, profesionalidade e innovación.

Así, María José Gómez fixo referencia á aplicación móbil ALume, que está xa dispoñible para descarga e que permite á cidadanía alertar da existencia dun incendio forestal. A APP permite informar dos lumes dunha forma inmediata, sinxela e xeolocalizada, o que favorece de xeito moi notable a detección temperá. Ademais, os alertantes teñen a posibilidade de xuntar fotografías, mensaxes de voz e información de utilidade para os profesionais do servizo.

A titular de Medio Rural incidiu na importancia de incorporar a tecnoloxía a este eido, e lembrou outras das novidades incluídas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2026. Entre elas, destacou tamén o aumento dun 30 % na rede de cámaras de videovixilancia ou a incorporación da Intelixencia Artificial no sistema para detectar automaticamente columnas de fume e posibles focos de incendio. Mencionou tamén os drons de última xeración que actuarán en zonas de difícil acceso.

Comparte este artigo