- O comisario do Xacobeo 2027 presentou o ciclo que incluirá máis dunha decena de concertos entre o 24 de xullo e o 22 de agosto
- No cartel deste verán destacan artistas como Nicky Jam, Loquillo, Rusowsky ou Taburete
Sanxenxo (Pontevedra), 18 de xuño de 2026.- Sanxenxo volverá converterse este verán nun dos grandes referentes da música en directo en Galicia coa celebración da cuarta edición de Costa Feira, un evento apoiado polos Concertos do Xacobeo que ofrecerá máis dunha decena de concertos e propostas musicais entre os meses de xullo e agosto no recinto do Polígono de Nantes.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación da programación dun ciclo que se consolidou en poucos anos como unha das grandes citas musicais do verán nas Rías Baixas e como un dos festivais boutique de referencia en Galicia. Nesta edición, Costa Feira prevé reunir a máis de 60.000 asistentes nos diferentes concertos que se desenvolverán do 24 de xullo ao 22 de agosto.
Durante a presentación, Gómez Román destacou o papel dos Concertos do Xacobeo como ferramenta para impulsar a cultura e o turismo en Galicia a través de eventos capaces de atraer visitantes e xerar actividade económica no territorio. O comisario do Xacobeo 2027 lembrou que a marca apoia ata o momento máis de 40 concertos e festivais na provincia de Pontevedra, incluíndo a ducia de eventos do Costa Feira.
A programación de Costa Feira 2026 inclúe propostas para públicos moi diversos, con artistas e formatos que abranguen diferentes estilos musicais. O ciclo arrancará o 24 de xullo con Wake Up! in Costa Feira e continuará o 28 de xullo e os días 4, 11 e 18 de agosto coa proposta Electrolatino, que reunirá artistas destacados neste xénero como Henry Méndez, Danny Romero, Jose de Rico, Anthony & Yeigo, Jay Santos, Marc Magán ou Mar Lucas. O cartel complétase con Xavibo (30 de xullo), Nicky Jam (3 de agosto), Delaossa (8 de agosto), Loquillo (10 de agosto), Pop á Feira, con artistas que triunfan entre a mocidade como Inazio, Íñigo Quintero, Mälmo 040 e Pavlenha (13 de agosto), Rusowsky (15 de agosto), Taburete (20 de agosto) e Molan los 2000 Reggaeton (22 de agosto). Ademais, o recinto contará con Bulla, un espazo nocturno especializado en música electrónica e sesións de DJs nacionais e internacionais que abrirá as súas portas os días 30 de xullo e 1, 3, 6, 8, 15, 20 e 21 de agosto.
Motor económico e turístico das Rías Baixas
Desde a súa creación en 2023, Costa Feira experimentou un rápido crecemento ata converterse nun dos eventos musicais máis destacados do verán galego. O seu modelo de programación distribuída ao longo de varias semanas contribúe a complementar a oferta turística de Sanxenxo e a dinamizar a actividade económica durante a tempada estival.
Segundo os datos facilitados pola organización, arredor do 90% dos provedores e persoas traballadoras vinculadas ao festival pertencen á contorna local, mentres que os espazos de restauración están xestionados por negocios da zona. Ademais, o evento xera máis de 300 postos de traballo directos e contribúe á actividade de sectores como a hostalaría, o comercio e o turismo.
Os Concertos do Xacobeo, un mapa sonoro diverso e plural
A Xunta de Galicia continúa firme no seu obxectivo de situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia.
A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único do programa que, de xaneiro a decembro deste 2026, trae a Galicia máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros. Ata o momento, os Concertos do Xacobeo inclúen máis de 100 eventos que se desenvolven ao longo dos 12 meses nas catro provincias galegas, dos que 48 teñen lugar na provincia da Coruña, 44 en Pontevedra, 16 en Ourense e 8 en Lugo. Un dos grandes valores da marca é a capacidade de desestacionalizar a actividade cultural e turística, estendendo a programación durante todo o ano máis alá da tempada alta.
O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

