O experto en intelixencia artificial Julio Mayol chega a Pontevedra o vindeiro xoves para pechar o Ciclo “Pontevedra, que pasa? 6 expertos en saúde, 3 meses”

Redacción
  • Este especialista, xunto co profesor Senén Barro, manterá unha conversa aberta á cidadanía baixo o título “IA, unha oportunidade evolutiva” a tarde do 25 de xuño no Liceo Casino pontevedrés moderada polo doutor Juan Turnes e coa asistencia de diversas autoridades
  • Nos días previos o servizo de Dixestivo de Pontevedra sairá ás rúas para coñecer a opinión dos pontevedreses sobre a Intelixencia Artificial

O doutor Julio Mayol, catedrático de Cirurxía da Universidade Complutense de Madrid e experto internacional en intelixencia artificial, chega esta semana a Pontevedra para pechar a iniciativa “Pontevedra, quen pasa? 6 expertos en saúde, 6 meses”, impulsada polo servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés e polo seu grupo de investigación IDARA, adscrito ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

A derradeira parada deste ciclo terá lugar os vindeiros xoves 25 e venres 26 de xuño e estará centrada no impacto da Intelixencia Artificial na sociedade e no ámbito sanitario. Coma antesala a este encontro, o servizo de Aparello Dixestivo do CHUP sairá a diversas zonas de Pontevedra para coñecer a opinión da cidadanía sobre esta tecnoloxía, a través dunha enquisa a pé de rúa e da gravación dalgunhas reflexións das persoas participantes.

O material recollido servirá como punto de partida para a conversa aberta que manterán o xoves 25 no Liceo Casino de Pontevedra o doutor Julio Mayol e o profesor Senén Barro, director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela. Este encontro estará moderado polo doutor Juan Turnes, xefe do Servizo de Aparello Dixestivo de Pontevedra e será de acceso libre para toda a cidadanía sen necesidade de rexistro previo.

Esta iniciativa conta nesta edición de xuño co apoio de AbbVie, Novo Nordisk, Roche e o Liceo Casino de Pontevedra, e está organizada polo servizo de Aparello Dixestivo da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, así coma polo grupo de investigación IDARA.

Conversa coa cidadanía sobre Intelixencia Artificial

Baixo o título “IA, unha oportunidade evolutiva”, o encontro do xoves 25 de xuño busca abrir un diálogo coa cidadanía arredor das oportunidades, dúbidas e retos que presenta a Intelixencia Artificial. Durante estes días previos, abordaránse na rúa cuestións como “canta confianza lle xera unha resposta dada por unha Intelixencia Artificial?” ou “para min, unha Intelixencia Artificial útil sería aquela que…”.

Ademais, gravaránse algunhas das reflexións das persoas participantes, que darán lugar a un vídeo que será compartido durante o encontro. Así mesmo, a cidadanía poderá formular as súas propias preguntas de xeito anónimo antes da charla a través da seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/qnecJ8pH5b.

O acto dará continuidade ao videopodcast difundido polo servizo de Aparello Dixestivo de Pontevedra a comezos deste ano, no que participaron os mesmos expertos -o doutor Julio Mayol, o profesor Senén Barro e o doutor Juan Turnes- para abordar o uso de asistentes de Intelixencia Artificial na Medicina. Este contido acadou máis de 13.000 visualizacións na canle de YouTube do grupo IDARA: https://youtu.be/R315CQJa-5g?si=SNKllxUrgR2DdkG6.

Neste acto está prevista a presencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, así coma do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández López e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Reflexións en Intelixencia Artificial para profesionais

O venres 26 de xuño, o salón de actos do Hospital Montecelo acollerá ás 8.15 horas unha clase maxistral do doutor Julio Mayol baixo o título “Pero ti non empregas a IA?”, na que tamén se reflexionará cos profesionais sobre as respostas da cidadanía arredor da Intelixencia Artificial.

Co obxectivo de ofrecer unha experiencia máis enriquecedora, os profesionais que o desexen poderán solicitar un encontro individualizado co doutor Julio Mayol a través do correo electrónico grupo.idara@iisgaliciasur.es.

Comparte este artigo