Xosé Merelles mantivo unha reunión co ex asesor da Casa Blanca en materia de mobilidade sostible, Jeff Olson, autor do libro The Third Mode: Towards a Green Society
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse esta mañá co experto estadounidense en mobilidade sostible e cicloturismo Jeff Olson, quen permanecerá desde este luns ata o venres realizando distintos percorridos pola Coruña, Muxía e Fisterra. No marco deste encontro, o director de Turismo de Galicia destacou que “a visita de Jeff Olson supón unha magnífica oportunidade para seguir posicionando Galicia no mercado estadounidense como un destino líder en cicloturismo sostible e de calidade”.
Neste sentido, Xosé Merelles lembrou que Galicia conta cunha singularidade única en Europa ao ser a única rexión onde converxen e finalizan en Cabo Fisterra dous grandes itinerarios da rede EuroVelo, a EuroVelo 1 Atlantic Coast Route e a EuroVelo 3 Pilgrims Route. “Esta circunstancia reforza o valor internacional de Fisterra e da nosa comunidade como destino para quen busca combinar actividade física, patrimonio, paisaxe e unha experiencia turística auténtica e respectuosa co territorio”, sinalou.
O director de Turismo incidiu tamén en que a aposta da Xunta polo cicloturismo forma parte dunha estratexia máis ampla orientada a consolidar un modelo turístico sostible e neste sentido, engadiu que a experiencia de Jeff Olson “vainos axudar tamén a desenvolver accións para poner en valor as dús rutas Eurovelo”. A integración de Galicia na rede EuroVelo, que conecta 42 países a través de máis de 90.000 quilómetros de rutas ciclistas, permite ofrecer unha proposta diferencial baseada no ecoturismo, no descubrimento slow do destino e na posta en valor patrimonio natural e cultural.
Jeff Olson foi asesor de mobilidade da Casa Branca e impulsou o uso da bicicleta eléctrica en cidades como Nova York e Los Ángeles e promotor de grandes rutas ciclistas nos Estados Unidos, como a do Gran Canón de Colorado ou o Empire State Trail. Durante estes días, coñecerá de primeira man os recursos e infraestruturas que converten Galicia nun destino de referencia para o cicloturismo. Na actualidade, continúa desenvolvendo un intenso labor divulgativo arredor dos hábitos saudables e da mobilidade activa, ademais de ser autor do libro The Third Mode: Towards a Green Society. Jeff Olson manterá un encontro co sector turístico da Costa da Morte o vindeiro xoves en Fisterra onde compartirá a súa experiencia e tamén as súas impresións tras realizar algún tramo das rutas Eurovelo.

