A Xunta destaca en Verín o apoio ao tecido autómico e ás pemes ante retos como a cobertura de vacantes, a remuda xeracional ou o absentismo laboral

Redacción
  • José González incide no compromiso do Goberno galego como Administración facilitadora, orientada a acompañar ás persoas emprendedoras e pequenos negocios e adaptando as políticas ás necesidades reais das empresas e dos profesionais
  • Destaca o traballo que se está a realizar no marco do Diálogo Social na procura de solucións para mellorar o benestar laboral e reducir o impacto do absentismo, co fin de incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión
  • Pon o foco tamén na aposta estratéxica polo tecido autónomo a través da orde unificada de axudas de preto de 41 M€ que permiten apoiar o inicio, mantemento e reactivación da actividade, así como a conciliación e a remuda xeracional
  • No eido do emprendemento, reivindica o papel de ferramentas como Rede de polos, núcleo da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, e que leva máis de 1.300 proxectos asesorados nas catro oficinas de Ourense
  • No relativo ao comercio, pon  en valor as medidas do vixente Plan estratéxico para o sector, entre elas os Bonos Activa Comercio, que na última edición mobilizaron 1,7 M€ e contaron coa participación de 900 establecementos adheridos na provincia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo hoxe un encontro con representantes e membros da Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei e do Centro Comercial Urbano de Verín no que puxo en valor as medidas en marcha da Xunta para seguir impulsando o emprendemento, reforzar o tecido autónomo e apoiar o comercio local como piares estratéxicos para a dinamización económica e social do territorio.

Durante a xuntanza, José González incidiu na aposta do Goberno galego por unha Administración máis facilitadora, orientada a acompañar ás persoas emprendedoras e aos pequenos negocios, reducindo barreiras e adaptando as políticas públicas ás necesidades reais das empresas e dos profesionais ante retos compartidos como a cobertura de vacantes, a atracción de talento, a remuda xeracional ou o absentismo laboral.

A este respecto puxo en valor o traballo que está impulsando a Xunta no marco do Diálogo Social na procura de solucións para mellorar o benestar laboral e reducir o impacto do absentismo, co fin de incorporalas ao futuro plan integral sobre esta cuestión, do que se prevé contar cun borrador na primeira quincena de xullo co fin de aprobalo durante ese mes para comezar a aplicar as medidas o antes posible. González sinalou que se trata dunha realidade complexa e multifactorial cun elevado impacto na produtividade e na competitividade das empresas e do conxunto da economía e apelou a que implica a distintas administracións, tanto as autonómicas como o Goberno central.

Tecido autónomo e emprendedor

Na súa intervención, o conselleiro puxo o foco no traballo autónomo, unha parte importante do tecido hostaleiro e do comercio local,  e salientou o esforzo da Xunta para reforzar un colectivo que cualificou de esencial para a economía galega, a través dun paquete de medidas de preto de 41 M€ que permiten apoiar o inicio, mantemento e reactivación da actividade, así como a conciliación e a remuda xeracional. Neste sentido referiuse concretamente ao Bono Remuda, dotado con 1,5 M€ e que busca que novos emprendedores collan a testemuña de negocios viables que pechan por mor da xubilación dos seus titulares.

Tamén fixo referencia ao papel dos Polos de emprendemento, núcleo da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e convertidos xa nunha ferramenta de referencia para o asesoramento e acompañamento integral de novos proxectos empresariais. Lembrou que a provincia de Ourense conta con catro oficinas situadas no Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín, que xa atenderon en conxunto máis de 1.300 proxectos e contribuíron á creación de preto de 150 empresas.

Apoio ao comercio de proximidade

No encontro tamén abordou a relevancia do comercio de proximidade e da hostalaría como actividades fundamentais para fixar poboación, xerar emprego e manter vivas as vilas galegas. Neste sentido, destacou as actuacións impulsadas pola Xunta para favorecer a súa modernización, dixitalización e competitividade no marco do vixente Plan estratéxico do comercio. Entre elas situou os Bonos Activa Comercio, que na súa primeira edición deste ano mobilizaron máis de 1,7 millóns de euros na provincia de Ourense e contaron coa participación de arredor de 900 establecementos adheridos.

Comparte este artigo