- A campaña consiste nun decálogo de consellos sinxelos e prácticos a considerar tanto á hora de preparar a festa como na mesma celebración e cando remate
- Fai fincapé en que as fogueiras están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, cómpre ser respectuosos porque é o hábitat de diferentes especies de flora e fauna
- É clave recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento, prestando especial atención ás cabichas
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lembrou hoxe que a mellor noite de San Xoán é aquela que “non deixa pegada” na contorna e anima a cidadanía a celebrar unha festa sostible.
Nese senso, a conselleira presentou hoxe en Sanxenxo, xunto do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, a campaña Reciclar é coidar do San Xoán, coa que o Goberno galego quere concienciar a poboación da importancia de minimizar o impacto ambiental das celebracións desta noite e contribuír entre todos a manter limpos areais e espazos naturais.
En concreto, a campaña consiste nun decálogo de consellos “sinxelos e prácticos” a considerar tanto á hora de preparar a celebración da noite de San Xoán como na mesma festa e cando a demos por rematada. Repartiranse máis de mil folletos en diferentes puntos da Comunidade e faranse varias publicacións en redes sociais.
Máis polo miúdo, á hora de facer os preparativos cómpre levar a cabo unha compra responsable facendo un bo cálculo dos asistentes para evitar mercar máis comida e bebidas do necesario e optando por alimentos que poidan ser aproveitados ao día seguinte para reducir o desperdicio alimentario. Ademais, é recomendable usar friameiras, vaixela, bolsas reutilizables ou o mesmo vaso para as consumicións de bebida para reducir a xeración de residuos.
En canto á localización das fogueiras, Ángeles Vázquez lembrou que están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, “debemos ser respectuosos porque é o hábitat de diferentes especies de flora e fauna”. Nese senso, fixo especial fincapé en evitar o uso de altofalantes de gran potencia para previr a contaminación acústica. A maiores, recoméndase evitar botar á cacharela calquera obxecto que non sexa de madeira.
Unha vez rematada a celebración, é fundamental recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento. Nesa liña, a conselleira incidiu en prestar especial atención ás cabichas. “Non deben tirarse á area porque son altamente contaminantes”, engadiu.

