Redacción

O San Xoán de Soutomaior, un éxito de participación cunha celebración inclusiva e para todos os públicos

O Concello deu a benvida ao verán con música, espectáculos de rúa, actividades familiares e unha sardiñada e churrascada a prezos populares.

24 de xuño, Soutomaior. O Concello de Soutomaior celebrou un ano máis a Noite de San Xoán cunha ampla programación que reuniu a centos de veciñas, veciños e visitantes nunha das citas máis especiais do calendario festivo do municipio.

A xornada arrancou coa actividade familiar “Consegue as túas herbas de San Xoán”, que permitiu achegar ás persoas participantes ás tradicións ligadas a esta noite máxica. Ao longo da tarde e da noite, a música, os espectáculos e o ambiente festivo converteron Soutomaior nun gran punto de encontro interxeracional.

A tradicional sardiñada e churrascada a prezos populares contou cunha excelente acollida, mentres que o grupo Tanto Nos Ten puxo a banda sonora á celebración cos seus concertos, facendo bailar e desfrutar ao público asistente.

Un dos momentos máis destacados da noite foi o espectáculo de rúa “Subumbra”, da compañía Troula, que encheu de luz, cor e animación os arredores do Peirao de Arcade, eles foron os encargados do acendido da fogueira, a continuación, nunha fogueira apta para todos os públicos tuvieron lugar os tradicionais saltos de San Xoán, un dos instantes máis agardados da celebración.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, agradeceu “a implicación da veciñanza e o comportamento exemplar de todas as persoas asistentes, que fixeron posible unha noite inesquecible”.

Pola súa banda, o concelleiro de Festas, Gonzalo Outeiro, mostrou a súa satisfacción pola gran resposta obtida e sinalou que “a alta participación e o ambiente vivido confirman que o San Xoán de Soutomaior segue consolidándose como unha das celebracións de referencia da comarca”. Ademais, destacou o éxito dunha programación que combinou tradición, cultura e actividades para toda a familia.

Con esta celebración, o Concello deu o pistoletazo de saída á programación de “Moito Verán. Soutomaior é moito”, que durante os próximos meses levará ao municipio unha ampla oferta de actividades culturais, deportivas e de lecer. Unha das máis destacadas chegará o 10 de xullo cos “Concertos de verán” que chegarán ao Peirao de Arcade tendo como protagonistas a Talco, DeNinghures, 9Louro e La Duendeneta.

Comparte este artigo