Mos inviste 3 millóns de euros en humanizacións en Guizán, Sanguiñeda e Pereiras

Redacción

Os tres proxectos permitirán renovar espazos públicos das parroquias, mellorar a accesibilidade e poñer en valor o patrimonio local coa colaboración doutras administracións

O Concello de Mos destina preto de 3 millóns de euros aos proxectos de humanización e mellora das contornas das igrexas de Santa María de Guizán, Sanguiñeda e San Miguel de Pereiras, tres actuacións orientadas á renovación dos espazos públicos das parroquias, á mellora da mobilidade peonil e á recuperación de ámbitos vinculados ao patrimonio local.

O investimento global distribúese en tres intervencións: preto de 500.000 euros para a remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán, arredor de 1,2 millóns de euros para a humanización da contorna da igrexa de Sanguiñeda e aproximadamente 1,3 millóns de euros para a mellora integral da contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras.

As actuacións contan coa colaboración de distintas administracións, entre elas a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, ademais de fondos propios municipais, segundo o proxecto e a súa fórmula de financiamento.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que “estas tres actuacións responden á vontade de seguir mellorando as parroquias de Mos, recuperando espazos públicos para as persoas e dotándoos de mellores condicións de accesibilidade, seguridade e uso veciñal. Falamos de contornas que forman parte da vida diaria das parroquias e que merecen unha intervención coidada e adaptada ás necesidades actuais”.

Guizán: unha actuación sobre máis de 2.300 metros cadrados

O Concello xa aprobou en Xunta de Goberno Local o proxecto de remodelación da contorna da igrexa de Santa María de Guizán, cun orzamento próximo aos 500.000 euros e unha superficie total de actuación de 2.303,75 metros cadrados.

Os traballos abranguen o atrio da igrexa, a plataforma situada ao seu redor e un tramo do Camiño do Pazo comprendido entre a casa reitoral e o cemiterio. O proxecto contempla a renovación dos pavimentos, a mellora da iluminación pública, a adecuación das redes de servizos, a mellora da evacuación das augas pluviais e o soterramento das redes eléctrica e telefónica.

A intervención complétase co axardinamento e coa incorporación de mobiliario urbano, co obxectivo de ordenar e mellorar este ámbito da parroquia e poñer en valor a contorna do templo.

Sanguiñeda: 1,2 millóns de euros para crear un novo espazo público

A humanización da contorna da igrexa de Sanguiñeda conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros. O proxecto busca recuperar para uso peonil a explanada situada diante da igrexa e convertela nunha zona de estancia en plataforma única, conectada mediante un itinerario accesible coa avenida de Sanguiñeda.

A intervención inclúe a ampliación do torreiro cara a unha parcela municipal, a creación de zonas verdes e un acceso lateral ao local da asociación de veciños, así como unha nova edificación baixo a praza destinada a uso veciñal. Tamén se contempla a renovación da marquesiña, a instalación dunha pérgola e a integración de elementos patrimoniais como a escalinata de acceso á igrexa, o viacrucis e a fonte de pedra.

A actuación permitirá ademais renovar servizos, mellorar a imaxe da contorna e favorecer unha circulación máis segura.

Pereiras: unha transformación integral da contorna parroquial

A mellora da contorna da igrexa de San Miguel de Pereiras supón un investimento de 1,3 millóns de euros.

A actuación abrangue a contorna inmediata do templo, o torreiro no que se sitúan o cruceiro e a fonte, parte dunha parcela situada a unha cota inferior e un tramo do Camiño de Pazos. O ámbito inicial definido no proxecto comprende 5.815,89 metros cadrados.

Os traballos previstos inclúen a renovación dos pavimentos, a reorganización das instalacións urbanas, a mellora da rede de iluminación e da evacuación das augas pluviais, o soterramento do cableado, o axardinamento e a incorporación de arborado e mobiliario urbano.

O deseño prioriza o uso peonil mediante unha plataforma única que favoreza a convivencia entre vehículos e persoas, mellore a accesibilidade e permita crear novas zonas de estancia e espazos verdes. Tamén se contempla a mellora do local parroquial, con actuacións na cuberta, na fachada e nos accesos.

Investimento para mellorar as parroquias

Con estas tres intervencións, o Concello de Mos continúa coa planificación de actuacións destinadas a mellorar os espazos públicos e as contornas dos principais elementos patrimoniais das parroquias. A combinación de recursos municipais e financiamento doutras administracións permite impulsar proxectos de maior alcance, orientados á accesibilidade, á seguridade peonil e á mellora da calidade dos espazos de convivencia.

Nidia Arévalo sinala que “a colaboración entre administracións permite afrontar investimentos importantes para Mos e avanzar na mellora das nosas parroquias. O obxectivo é que estes espazos sexan máis accesibles, funcionais e agradables para a veciñanza, respectando ao mesmo tempo o seu valor patrimonial e a identidade de cada lugar”.

Comparte este artigo