- Ángeles Vázquez salienta que se acadou un nivel de execución de case o 100% dos fondos europeos recibidos e que isto permitiu intervir nun total de 6.200 hectáreas, máis do dobre da superficie inicialmente prevista
- Explica que co fin de adaptar as actuacións concretas sobre o terreo ás características de cada ecosistema, o programa organizouse en cinco ámbitos de intervención: dunas e costa, humidais, ríos, montaña e infraestruturas de uso público
- Grazas aos 26 proxectos desenvolvidos no patrimonio natural, que xa están finalizados na súa práctica totalidade, avanzouse na preservación e mellora dos hábitats de especies protexidas e de interese comunitario que hai na Comunidade ademais de reforzar a súa capacidade de adaptación aos efectos do cambio climático
A Xunta de Galicia destinou nos últimos anos un total de 25,9 millóns de euros á execución de diferentes tipos de accións de conservación e restauración ambiental en 46 espazos protexidos, un esforzo desde o punto de vista da xestión e da protección do patrimonio natural sen precedentes na Comunidade.
Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que foi a encargada de clausurar en Santiago o acto de balance sobre a execución en Galicia dos fondos do programa NextGenerationUE destinados a actuacións para a preservación do patrimonio natural.
Neste sentido, amosou a súa satisfacción polo nivel de execución acadado polo seu departamento, xa que dos 26 millóns de euros captados inicialmente se certificaron a día de hoxe 25,9 millóns —é dicir, case o 100%—, un investimento que se traduciu en intervencións directas en parques naturais, reservas de biosfera, espazos Rede Natura 2000 e no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
En total, este esforzo na xestión do financiamento europeo permitiu actuar nun total de 6.200 hectáreas, o que supón máis do dobre da superficie prevista inicialmente. Unhas actuacións que se canalizaron a través de 26 proxectos de conservación e recuperación medioambiental executados no marco do programa deseñado pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e que xa están na súa maior parte finalizados, excepto algunha intervención de maior calado con remate previsto para este verán.
Ademais, co fin de adaptar as actuacións concretas sobre o terreo ás características de cada ecosistema e espazo, o programa organizouse arredor de cinco grandes ámbitos de intervención: dunas e costa, humidais, ríos, montaña e infraestruturas de uso público.
A maioría das actuacións e investimentos concentráronse, por un lado, nos espazos dunares e litorais —en concreto, nas Illas Atlánticas, nas dunas de Corrubedo e nas lagoas da Frouxeira (Valdoviño) e Marouzos (Ortigueira)—, con traballos de recuperación de dunas e hábitats costeiros mediante eliminación de especies invasoras, restauración da vexetación autóctona e recuperación dos procesos naturais propios destes ecosistemas; e por outro, nas contornas fluviais, con intervencións en 18 ríos galegos dirixidas tamén á erradicación de especies invasoras, á restauración da vexetación de ribeira, á mellora da continuidade fluvial e á recuperación de corredores ecolóxicos.
Así mesmo, as intervencións executadas nas Gándaras de Budiño e na lagoa de Cospeito tiveron como finalidade recuperar a funcionalidade ecolóxica e hidrolóxica destes dous humidais, considerados ecosistemas clave para a conservación da biodiversidade e a regulación dos recursos hídricos.
Por último, as actuacións de montaña desenvolvéronse en espazos de alto valor ecolóxico como o Xurés, os Ancares, o Courel ou o Parque Natural do Invernadeiro co fin de recuperar hábitats herbáceos e forestais, mellorar a biodiversidade e reforzar a resiliencia fronte ao cambio climático, e o último bloque de intervencións directas centrouse na mellora daquelas infraestruturas públicas que permiten compatibilizar a conservación da natureza co acceso ordenado da cidadanía aos espazos naturais.
Tras destacar que hoxe se pecha unha etapa administrativa, a conselleira incidiu en que non remata o traballo. Nesta liña, explicou que os ecosistemas recuperados seguirán evolucionando nos próximos anos e as actuacións executadas contribuirán á conservación da biodiversidade a futuro ao preservar os hábitats de especies protexidas e de interese comunitario presentes na Comunidade.
Ademais, considerou que tamén se reforzou a capacidade de adaptación do territorio aos efectos do cambio climático, sentando as bases para planificar e executar futuras intervencións de restauración ambiental nestes mesmos espazos ou noutros novos.

