-A Presidenta e un dos membros da organización presentaron nos xardíns do Pazo de San Marcos a gran cita internacional do hardcore, metal e punk, que arranca este mércores co patrocinio da institución provincial que renova a súa achega con 150.000€
– “Hai dúas décadas, un grupo de rapaces soñaba con traer a Viveiro as bandas que admiraban, e hoxe son esas bandas as que inclúen Viveiro nas súas xiras mundiais”, destacou a mandataria provincial lembrando o crecemento dun festival que atrae a milleiros de persoas de diferentes países
-O cartel desta nova edición reunirá nomes do panorama internacional da talla de Iron Maiden, Marilyn Manson, Limp Bizkit, Anthrax, A Day To Remember, Trivium ou Sabaton
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto aos socios responsables do festival, os irmáns Iván e David Méndez, e o resto de colaboradores asistiu este luns en Viveiro á presentación e visita ao recinto do Resurrection Fest, que arrinca este mércores e que se prolongará ata o sábado. A institución provincial renova o seu patrocinio cunha das grandes citas internacionais da música hardcore, metal e punk cunha aportación económica de 150.000€, consolidando así unha colaboración que se mantén desde os seus inicios. “Levamos máis de 20 anos convertendo a Viveiro na capital da música hardcore en Europa”, avanzou Carmela López
A Presidenta felicitou aos organizadores pola traxectoria do festival e a súa capacidade de transformación do territorio poñendo en valor o crecemento sostido dun evento que naceu do soño dun grupo de mozos e que hoxe é un referente das principais bandas internacionais. “Hai dúas décadas, un grupo de rapaces soñaba con traer a Viveiro as bandas que admiraban, e hoxe son esas mesmas bandas as que inclúen Viveiro nas súas xiras”, subliñou.
A mandataria provincial puxo o foco na importancia do festival como motor económico e de proxección exterior para a provincia, sinalando que “o Resurrection Fest é un exemplo de colaboración institucional e de como a cultura pode xerar actividade económica, emprego e dinamización do territorio, especialmente en sectores como a hostalería, o comercio e os servizos”.
Así mesmo, enmarcou o apoio da Deputación nunha estratexia de turismo sostible e de experiencias, “que contribúe a dinamizar a Mariña e o conxunto da provincia, situando a Lugo como un destino conectado coas novas xeracións”, e lembrou a figura do Alcalde viveirense Melchor Roel, “pois a súa figura foi clave na orixe deste proxecto que hoxe sitúa a Viveiro no mapa internacional da música”, recalcou López.
Conta atrás para un referente internacional
Anova edición do festival reunirá arredor de 100 bandas internacionais e prevé a asistencia de preto de 140.000 persoas durante catro días, con público procedente de máis de 40 países. O recinto do campo de fútbol de Celeiro contará con catro escenarios e ata 12 horas diarias de programación musical, consolidando o evento como un dos grandes festivais europeos do seu xénero.
Entre os nomes máis destacados do cartel figuran Iron Maiden, Marilyn Manson, Limp Bizkit, Anthrax, A Day To Remember, Trivium e Sabaton, entre outros. Ademais, manteranse iniciativas singulares como as vodas dentro do festival, que xa superan as 1.500 persoas inscritas, un dos elementos máis característicos e mediáticos do evento a nivel internacional.

