Diego Calvo destaca o Trofeo Presidente da Xunta de Galicia de Vela como escaparate da excelencia deste deporte na comunidade e da marca Galicia Calidade

Redacción
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes presentou hoxe as cinco regatas que integran o Circuíto Galego de Alto Nivel, onde puxo en valor a importancia de que a comunidade acolla competicións deste tipo para situarse como referente da vela e dos deportes náuticos
  • A primeira proba, a Regata S.A.R. Infanta Elena, disputarase esta fin de semana no Real Club Náutico da Coruña, no mes de xullo celebrarase a Regata General Gabeiras en Ares, en agosto a Regata Mar de Finisterre en Portosín e no mes de setembro tanto o Trofeo Príncipe de Asturias en Baiona como a Regata Rei Xoán Carlos I en Sanxenxo

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na presentación dunha nova edición do Trofeo Presidente da Xunta de Galicia de vela. Trátase dunha competición que reúne as principais regatas do Circuíto Galego de Alto Nivel e que ten como premio unha representación do botafumeiro, o incensario da Catedral de Santiago de Compostela. Tal e como indicou o conselleiro, esta competición sitúa Galicia como referente da vela e dos deportes náuticos e, ao mesmo tempo, constitúe unha oportunidade para atraer visitantes a través do turismo deportivo e proxectar a imaxe de Galicia Calidade.

As probas arrancarán esta mesma fin de semana coa XXVI Regata S.A.R. Infanta Elena, organizada polo Real Club Náutico da Coruña. Seguiralle, do 11 ao 12 de xullo a XXXII Regata General Gabeiras no Club Náutico Ría de Ares. O circuíto continuará o 22 e o 23 de agosto coa XXXVIII Regata Mar de Finisterre do Real Club Náutico de Portosín e rematará en setembro, primeiro do 4 ao 6 de setembro co XLI Trofeo Príncipe de Asturias, organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona, e, por último, do 18 ao 20 de setembro coa XI Regata Rei Xoán Carlos I no Real Club Náutico de Sanxenxo.

Durante a presentación, Diego Calvo destacou que Galicia conta con condicións privilexiadas para a práctica da vela e con clubs que forman deportistas e organizan competicións do máis alto nivel. Nesta liña, salientou tamén o traballo da Real Federación Galega de Vela na formación das novas xeracións, así como o papel do Centro Galego de Vela de Vilagarcía de Arousa como instalación de referencia para o adestramento e a tecnificación deportiva. Ademais, reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento desta disciplina, apoiando tanto á federación como aos clubs e deportistas que contribúen a manter a Galicia entre os territorios de referencia da vela a nivel nacional.

Comparte este artigo