— Un dos obxectivos desta iniciativa do Goberno galego é poñer en valor o Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Medioambientais, impulsado pola Unión Europea, como marca de calidade ambiental recoñecible para as empresas e o consumidor
— María José Echevarría salienta que este sistema ten un impacto positivo directo na cidadanía xa que favorece actividades empresariais máis responsables, transparentes e comprometidas coa redución do seus impactos
A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, sinalou hoxe que os Premios de Sostibilidade Empresarial de Galicia reforzarán o compromiso ambiental do tecido produtivo de Galicia xa que servirán de “escaparate de boas prácticas”.
Segundo dixo hoxe a directora xeral durante a súa resposta a unha pregunta en comisión parlamentaria, estes premios buscan recoñecer ás organizacións que destaquen polo seu compromiso ambiental, a súa transparencia e a aplicación de boas prácticas de sostibilidade.
Nese senso, as empresas interesadas poden presentar a súa candidatura a estes recoñecementos ata o 13 de xullo. Con todo, cómpre lembrar que só poden facelo aquelas que estean inscritas no rexistro galego de centros adheridos ao Sistema Comunitario de Xestión e Auditoría Medioambientais (EMAS, nas súas siglas en inglés) cunha antigüidade mínima ininterrompida de tres anos.
De feito, outro dos obxectivos desta iniciativa do Goberno galego é poñer en valor o certificado EMAS como marca de calidade ambiental recoñecible para as empresas e para o consumidor. “O rexistro EMAS non é só burocracia, é unha ferramenta que achega valor de marca e recoñecemento institucional”, sinalou Echevarría, xa que “exixe unha optimización de recursos que deriva nun aforro económico e operativo, ofrece unha posición vantaxosa ante un consumidor cada vez máis consciente e comprometido, e constitúe unha garantía que abre as portas de novos mercados”.
Nesa liña, a directora xeral sinalou que en Galicia xa hai máis de 100 centros adheridos a este sistema impulsado pola Unión Europea, o que ten un “impacto positivo directo na cidadanía” xa que favorece actividades empresariais máis responsables, transparentes e comprometidas coa redución do seus impactos. Isto supón unha mellor calidade da contorna, un uso máis eficiente dos recursos, menor contaminación e unha maior confianza da cidadanía naquelas organizacións que acreditan, de forma verificada, o seu bo comportamento ambiental.
Así, formar parte de EMAS implica asumir compromisos que van máis alá do cumprimento da normativa xa que leva aparellada a obriga de render contas ante a sociedade coa presentación, cada tres anos, dunha declaración ambiental verificada por unha empresa auditora que certifique os logros acadados.
Para concluír, a directora xeral explicou que nesta primeira edición se concederán tres galardóns concederanse en función do tamaño e número de traballadores da organización -pequenas, medianas e grandes-. Ademais, tamén se farán dous recoñecementos adicionais. Un premiará a unha entidade con 20 ou máis anos de traxectoria ambiental e o outro recoñecerá unha actuación concreta que destaque pola súa efectividade.

