Arrincan os incentivos fiscais a empresas que colaboren co Xacobeo 2027 coa creación da Comisión Interadministrativa que coordina a súa celebración

Redacción

Ademais do Goberno central e Galicia, tamén conta con representantes das comunidades da Rioxa, Navarra e Castela e León

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participaron esta mañá na constitución da Comisión Interadministrativa do Ano Santo Xacobeo 2027, que bota a andar como o órgano encargado de impulsar, coordinar e supervisar o programa de apoio á celebración do Xacobeo 2027, así como de garantir a correcta aplicación dos incentivos fiscais asociados a este acontecemento.

O director de Turismo de Galicia e o comisario do Xacobeo 2027 valoraron a constitución deste órgano que “por fin desbloquea a aplicación dos incentivos fiscais ás empresas que amosaron a súa vontade de colaborar con este evento despois de que desde a Xunta insistiramos en múltiples ocasións na súa activación”, segundo lembrou Xosé Merelles. Pola súa banda, Marcos Gómez Román salientou que “son moitas as empresas do tecido galego as que estaban esperando por este paso e que desde hoxe xa están traballando na súa achega á programación do Xacobeo 2027”.

A Comisión Interadministrativa celebrou a súa primeira reunión esta mañá e foi creada mediante un convenio subscrito entre o Ministerio de Cultura, o Ministerio de Facenda e as comunidades autónomas de Galicia, País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, a Comunidade Foral de Navarra e Castela e León. O acordo establece que o órgano constituído hoxe está formado por representantes do Goberno central e as comunidades autónomas de Galicia, A Rioxa, Castela e León e a Comunidade Foral de Navarra.

Entre as súas principais funcións figuran a aprobación dos plans e programas de actividades que poderán acollerse aos beneficios fiscais previstos para o Ano Santo Xacobeo 2027; a aprobación do logotipo oficial do acontecemento e do seu manual de uso; a certificación da adecuación dos gastos realizados aos obxectivos e actuacións do programa de apoio; así como a remisión periódica das certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

En representación da Xunta de Galicia forma parte da comisión como vogal o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mentres que a secretaría recae no comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román.

Este órgano encargarase de analizar as propostas presentadas polas empresas e polas entidades encargadas da execución material dos plans e programas relacionados co Xacobeo 2027.  A constitución desta comisión supón un novo avance na preparación do Ano Santo Xacobeo 2027, reforzando a colaboración entre a Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas implicadas para o desenvolvemento dun acontecemento de excepcional interese público e de gran relevancia cultural, patrimonial, turística e económica.

Comparte este artigo