- José González destaca o auxe deste modelo, que en Galicia supera as 2.000 cooperativas activas, e a aposta autonómica neste eido, que se verá reforzada coa nova Lei de cooperativas na que está traballando o Goberno galego
- Lembra que a Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027 prevé crear 4.000 empregos e 400 novas entidades da economía social posicionando esta fórmula de negocio nos sectores tecnolóxico, verde e industrial
- Felicita as iniciativas premiadas nos Premios á Cooperación e en Cooperativismo no Ensino que se recoñeceron neste acto no que tamén se estreou o Himno do Cooperativismo Galego interpretado pola Banda Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe no acto do Día do Cooperativismo Galego 2026, organizado pola Xunta de Galicia e o Consello Galego de Cooperativas nas Bodegas Martín Códax e no que se recoñeceron as iniciativas premiadas nos Premios á Cooperación e no Certame Cooperativismo no Ensino. Alí puxo de relevo o auxe deste modelo que en Galicia supera as 2.000 cooperativas activas cun volume anual de facturación de arredor de 3.400 M€ e destacou o apoio da Xunta neste ámbito.
Unha aposta, especificou, que se verá reforzada coa nova Lei de cooperativas na que está traballando o Goberno galego e que permitirá actualizar o marco normativo, vixente desde 1998. O obxectivo, engadiu, é visibilizar esta fórmula como alternativa para o emprendemento en sectores estratéxicos e proporcionar maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras e adaptadas á nova realidade socioeconómica.
Neste contexto, insistiu en que para seguir avanzando é clave a implicación do Goberno central. Por exemplo, en cuestións como a necesaria actualización da Lei de réxime fiscal das cooperativas —vixente desde hai máis de 30 anos— para adaptala á nova realidade, blindando e modernizando o réxime fiscal estatal de protección das cooperativas, entre outros aspectos.
Aposta autonómica pola economía social
Este pulo autonómico ao cooperativismo forma parte da aposta autonómica global pola economía social, que ten como base o diálogo e a escoita activa co sector, explicou o conselleiro. Uns aspectos que se reflicten na nova Lei de cooperativas na que se está a traballar e na elaboración da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027.
En canto a esta estratexia, lembrou que con ela Galicia prevé crear 4.000 empregos e 400 novas entidades da economía social, posicionando esta fórmula de negocio nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Este compromiso autonómico afiánzase cun orzamento este ano de case 45 M€, que se materializa en apoios ás distintas modalidades deste ámbito para reforzar o ecosistema da economía social como motor de emprego e dinamización do territorio.
Todo isto, expuxo José González, co foco posto nas persoas e en afrontar retos como a remuda xeracional, pois a economía social é unha grande oportunidade na xeración de emprego e na fixación da poboación no rural.
Entrega de premios e estrea do himno do cooperativismo
Durante o acto, no que tamén estiveron a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, o conselleiro felicitou aos premiados. Ademais, no acto estreouse o Himno do Cooperativismo Galego, interpretado en directo pola Banda Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos.
No caso dos Premios á Cooperación, estes foron para Algalia Sociedade Cooperativa Galega, co galardón aos valores cooperativos; Larega Sociedade Cooperativa Galega, co recoñecemento a mellor proxecto cooperativo novo; e a Xallas-Santa Comba Sociedade Cooperativa Galega, co premio á traxectoria cooperativa. En canto aos premios de Cooperativismo no Ensino, neste acto concedeuse o premio na modalidade de mellor proxecto empresarial cooperativo, que foi para o Centro Integrado de Formación Profesional Someso e co áccesit ao centro Nebrija Torre de Hércules.

