A Xunta reforza o control de fluxos da Catedral de Santiago e a desestacionalización do Camiño, que medra un 28% en tempada media e baixa

Redacción
  • Nos primeiros seis meses deste ano, 37.000 peregrinos continuaron a súa experiencia cara Fisterra e Muxía tras recoller a Compostela, isto é, un 15% do total
  • Medra o número de peregrinos que fan o Camiño de Santiago sen recoller a Compostela, cunha media de 1,68 por acreditación entregada
  • O Camiño Portugués da Costa medra un 22% no que vai de ano confirmando a diversificación das rutas
  • O 67% dos peregrinos actuais son de orixe internacional con Estados Unidos liderando a listaxe seguido de Italia, Alemaña, Portugal e Reino Unido

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinou esta mañá dous convenios de colaboración co director da Fundación Catedral de Santiago e coa S.A.M.I. Catedral, Daniel Lorenzo, co obxectivo de reforzar a seguridade na Catedral e a súa contorna, ademais de mellorar a atención aos peregrinos e visitantes. En total, destinaranse preto de 1,4 millóns de euros a ambas actuacións co obxectivo de preparar o destino de cara ao Xacobeo 2027. Desde o inicio da colaboración entre a Xunta e ambos grupos, xa se investiron máis de 8,6 millóns de euros nestes aspectos.

Xosé Merelles resaltou a “aposta de Turismo de Galicia pola diversificación de fluxos dos distintos itinerarios xacobeos, como indica por exemplo o importante crecemento do Camiño Portugués da Costa, cun 22% máis co año anterior”.

Os acordos asinados esta mañá permitirár reforzar a seguridade na Catedral, na Casa do Deán e na Oficina de Atención ao Peregrino, para ofrecer un servizo máis eficiente e unha mellor información a aqueles que conclúen a súa peregrinación en Santiago.

O director de Turismo de Galicia subliñou que este compromiso ven motivado polo crecemento da actividade xacobea e a aposta da Xunta por garantir un modelo sostible. Neste sentido, lembrou que durante 2025 recolleron a Compostela un total de 530.987 peregrinos e que, durante este primeiro semestre de 2026, “xa son máis de 243.700 peregrinos, un incremento do 5% respecto ao mesmo período de 2025”. Estes datos reflicten o interese pola ruta xacobea, que continúa medrando ano tras ano.

Nesta liña, destacou que a sinatura reforza a “implicación do Goberno galego na promoción do destino Galicia a través da ruta xacobea, fundamental para a proxección internacional do territorio e a dinamización económica nos municipios polos que discorre o Camiño”. Neste sentido, destacou que garantir a seguridade no complexo e ofrecer unha atención de calidade aos peregrinos constitúe un elemento clave para consolidar Galicia como un destino turístico sostible.

Xosé Merelles resaltou tamén que a estratexia de Turismo de Galicia para favorecer a diversificación dos itinerarios continúa dando resultados. O Camiño Francés representa actualmente máis do 43% das peregrinacións, mentres que o Camiño Portugués e o Portugués da Costa continúan medrando, sendo este último o que presenta un maior crecemento, cun incremento do 22% no que vai de ano.

O director de Turismo de Galicia tamén se referiu á inter internacionalización do Camiño, salientando que “neste momento un 67% dos peregrinos son de procedencia estranxeira con EEUU seguido de Italia, Alemaña, Portugal ou Reino Unido copando a listaxe de países de orixe”.

Monitorización do Camiño

Desde Turismo de Galicia continúase avanzando na monitorización dos itinerarios xacobeos mediante unha rede de sensores que permiten coñecer con maior precisión os fluxos de peregrinos e mellorar a planificación de implantación de novas medidas de sostibilidade, tanto en albergues públicos como nos propios itinerarios xacobeos. Neste contexto, este ano adxudicáronse 25 novos sensores, que se sumarán aos 18 xa existentes.

“Grazas a este sistema de monitorización, coñécese que actualmente circulan 1,68 peregrinos por cada Compostela emitida”, sinalou o director de Turismo de Galicia. Esta información é fundamental para ter unha mellor planificación das infraestruturas e os servizos.

Estas actuacións permiten seguir reforzando a calidade da experiencia do peregrino, mellorar a conservación do Camiño de Santiago e preparar o destino para afrontar con garantías o incremento de visitantes previsto con motivo do Xacobeo 2027.

Comparte este artigo