PorAmerica volve fusionar música, gastronomía e comunidade co apoio dos concertos do Xacobeo

Redacción
  • O cartel reúne artistas como Rigoberta Bandini, Dani Martín, Hombres G, Amaia, Xoel López, Eliades Ochoa ou Instituto Mexicano del Sonido, creando unha ponte cultural entre España e Latinoamérica
  • O Showrocking contará coas tapas de 38 destacados chefs que suman 22 estrelas Michelin
  • Galicia Calidade contará por cuarto consecutivo cunha zona institucional para as empresas certificadas

A Azucreira de Portas volverá converterse nun dos grandes epicentros culturais do verán coa celebración dunha nova edición de PortAmérica, que terá lugar os días 9, 10 e 11 de xullo. O festival, integrado na programación dos Concertos do Xacobeo impulsados por Turismo de Galicia, consolídase como unha das propostas máis singulares da Península Ibérica grazas á súa capacidade para unir música, gastronomía, territorio e comunidade nunha experiencia cultural única.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación da nova edición do festival e destacou que “PortAmérica representa á perfección o espírito dos Concertos do Xacobeo: unha proposta de calidade que combina música, gastronomía, identidade e territorio, proxectando Galicia como un destino capaz de ofrecer experiencias únicas e de atraer visitantes de dentro e de fóra da comunidade”.

Gómez Román lembrou tamén o éxito da pasada edición, que reuniu 65.000 asistentes e xerou un impacto económico estimado de 18 millóns de euros. “Falamos dun festival que medra ano tras ano mantendo intacta a súa esencia, profundamente conectado co territorio e coa comunidade local, e que contribúe de maneira decisiva á dinamización económica, turística e cultural do conxunto da comarca”, sinalou.

Un cartel de referencia entre Galicia, España e Iberoamérica

A programación musical de PortAmérica volverá reunir artistas de referencia da escena nacional, internacional e galega. Entre os grandes nomes desta edición destacan Rigoberta Bandini, Dani Martín, Hombres G, Amaia, M-Clan, Sexy Zebras e Niña Polaca, aos que se suma unha destacada representación da música galega con Xoel López, Fillas de Cassandra, Grande Amore e The Rapants, entre outros artistas emerxentes.

O festival reforza, ademais, a súa vocación atlántica coa presenza de artistas americanos como Eliades Ochoa, figura imprescindible do mítico Buena Vista Social Club; Instituto Mexicano del Sonido, referente internacional da fusión entre electrónica e tradición latinoamericana; Orkesta Mendoza, coa súa mestura de rock, cumbia e sons fronteirizos; ou Meridian Brothers, un dos proxectos máis singulares da escena alternativa colombiana.

O ShowRocking, un dos grandes sinais de identidade do festival

A gastronomía volverá ocupar un lugar protagonista da man do ShowRocking, unha proposta única no panorama dos festivais musicais e que converte PortAmérica nun punto de encontro entre a creación culinaria e a cultura.

Comisariado polo chef galego Pepe Solla, o espazo reunirá 38 cociñeiros que atesouran un total de 22 estrelas Michelin, dúas estrelas verdes e sete Bib Gourmand, responsables da elaboración de 67 tapas exclusivas. Figuran nomes como Andoni Luis Aduriz, Eduard Xatruch, Francis Paniego, Paco Roncero, Ricard Camarena, Óscar Vidal ou Yayo Daporta.

Galicia Calidade contará por cuarto consecutivo cunha zona institucional para as empresas certificadas, onde se realizarán degustacións dos seus produtos. Unha zona de interacción e presentación para as máis de 150 empresas certificadas, nun dos festivais gastromusicais máis importantes do panorama nacional, con chefs de recoñecido prestixio, algúns deles tamén certificados polo selo de garantía.

Un festival comprometido coa inclusión e a sustentabilidade

PortAmérica volverá reforzar nesta edición a súa aposta pola accesibilidade universal e pola inclusión social. Os concertos de Rigoberta Bandini, Dani Martín, Hombres G, Xoel López, Eliades Ochoa, M-Clan, Marina Reche e Fillas de Cassandra contarán con interpretación en lingua de signos española (LSE).

O festival ofrecerá tamén mochilas vibratorias, petacas FM para persoas usuarias de implantes cocleares ou audiófonos, plataformas adaptadas, itinerarios accesibles, sinalización mediante pictogramas, espazos específicos para familias e puntos de prevención das violencias machistas e LGBTIQ+fóbicas.

Ademais, desenvolverase unha ampla programación de actividades de educación ambiental e creatividade arredor da sustentabilidade, con talleres para todos os públicos e un Mercado de Talentos que reunirá 24 proxectos de deseño, artesanía e produto local.

“PortAmérica demostra que é posible organizar un gran evento internacional mantendo un firme compromiso coa sustentabilidade, coa inclusión e co desenvolvemento do territorio. Esa capacidade para medrar sen renunciar á súa identidade converte este festival nun magnífico embaixador da Galicia moderna, creativa e aberta ao mundo que promovemos desde Turismo de Galicia”, concluíu Marcos Gómez Román.

O programa completo de Concertos do Xacobeo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Comparte este artigo