- A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente convocada para abordar o proxecto de novo regulamento acaba sen avances entre Ministerio e representantes autonómicos
- A Xunta considera o ocorrido durante a reunión unha “nova afrenta” ás comunidades costeiras e advirte de que a reforma é un “atropelo ás competencias” autonómicas recoñecidas legalmente e avaladas tamén polo Tribunal Constitucional
- As comunidades acusan ao Executivo central de empregar como escusa o expediente da CE contra España para impulsar de forma unilateral unha modificación que regula procedementos de outorgamento de concesións que teñen atribuídos en exclusiva
- Advirten de que, nos termos actualmente propostos, o Real Decreto xerará inseguridade xurídica e piden que se teñan en conta as súas alegacións xa que non puideron participar en ningunha parte do procedemento de elaboración do proxecto
- Denuncian que o Goberno segue sen garantir que as súas demandas sexan atendidas nin trasladadas a Europa tras seis anos negociando con Bruxelas ás súas costas
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico rexeitou someter a votación, no marco da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente monográfica celebrada hoxe, a proposta presentada por Galicia e outras oito comunidades e cidades autónomas para pedir a suspensión cautelar da tramitación da reforma do Regulamento Xeral de Costas e promover, con carácter previo, unha modificación lexislativa desde o consenso.
O argumento utilizado polos representantes ministeriais foi que non se pode votar un proxecto no seo deste organismo. Sen embargo, o que realmente pedían as comunidades autónomas era que houbera un pronunciamento dos membros da Conferencia Sectorial ante a proposta de resolución presentada, na que solicitaban, ademais, que a futura reforma da Lei de costas estatal e a posterior adaptación do seu regulamento se abordara desde “o máximo respecto ás competencias autonómicas” en relación ás autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre.
Precisamente, cómpre lembrar que esta reunión foi convocada hoxe polo Goberno central en resposta a unha petición realizada durante a Conferencia Sectorial do pasado 22 de xuño por parte de Galicia, que contou co apoio da Comunidade Valenciana, Andalucía, A Rioxa, Cantabria, Madrid, Rexión de Murcia, Ceuta e Baleares.
O obxectivo das nove comunidades era poder abordar co Ministerio, de forma monográfica e con carácter urxente, o proxecto de Real Decreto co que o Executivo central pretende modificar o Regulamento de Costas, cuxa tramitación anunciou a comezos deste ano de forma unilateral e sen abrir ningún tipo de consultas coas comunidades.
Neste sentido, por primeira vez os conselleiros do ramo tiveron a oportunidade de debater e opinar ante representantes do Ministerio sobre a súa intención de introducir cambios substanciais relativos á ordenación do litoral e á regulación dos procedementos asociados, materias nas que as comunidades costeiras teñen competencias exclusivas.
Sen embargo, ante a falta de avances, concrecións ou compromisos de ningún tipo por parte do Ministerio durante a Conferencia Sectorial de hoxe —á que nin sequera asistiu a ministra—, desde a Xunta interprétase esta reunión como unha “nova afrenta e desprezo” ás comunidades costeiras por parte do Executivo de Pedro Sánchez.
De feito, durante a quenda de palabra a secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, interveu en nome da conselleira para insistir en que a reforma regulamentaria, tal e como está proposta, é un “atropelo ás competencias” autonómicas recoñecidas no Estatuto e ratificadas polo Constitucional na sentenza coa que avalou a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.
Nesta liña, tamén advertiu de que, coas modificacións introducidas, o Estado vai máis alá do que lle corresponde, xustificando estes cambios no expediente de infracción iniciado contra España pola Comisión Europea por non traspoñer correctamente a nova Directiva de servizos no litoral.
Sen garantías
Varios representantes das comunidades lamentaron que o Executivo central utilice como escusa o procedemento aberto polas autoridades comunitarias para impulsar de forma unilateral e sen diálogo previo unha modificación que regula procedementos de outorgamento de concesións atribuídos en exclusiva aos gobernos autonómicos e sen prever, ademais, os fondos necesarios para atender as previsibles indemnizacións que exixirán os titulares afectados pola reforma, o que xerará inseguridade xurídica.
Por iso, insistiron en pedir que todos os aspectos expostos hoxe en contra da reforma do Regulamento Xeral de Costas así como o resto de alegacións presentadas polas comunidades no trámite de información pública sexan incorporados ao proxecto definitivo e se trasladen á Comisión Europea para que teña coñecemento do alcance e do contido da modificación proposta por España.
Ao respecto, incidiron en que o Ministerio leva case seis anos dialogando con Bruxelas de costas ás comunidade xa que en ningún momento do proceso, nin antes nin durante a elaboración do anteproxecto do novo regulamento, consultou con elas a situación ou as posibles solucións. Por iso, lamentaron a oportunidade perdida na Conferencia Sectorial de hoxe, que rematou sen acordos e sen que o Goberno central dera ningún tipo de garantías de que vai atender as súas demandas e trasladarllas a Europa.

