- Ángeles Vázquez salienta que o obxectivo é a renovación integral das redes de abastecemento, saneamento e pluviais nesta zona
- A actuación permitirá substituír unhas infraestruturas con máis de 50 anos de antigüidade, solucionar as deficiencias do sistema de saneamento e incorporar unha nova rede de pluviais independentes
- Esta iniciativa forma parte da estratexia de Augas de Galicia para reforzar os servizos básicos no rural, cun investimento de case 28 M€ destinado a mellorar a calidade de vida da veciñanza, protexer o medio ambiente e garantir o subministro e a depuración
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres, asinaron hoxe un convenio de colaboración por importe de preto de 1 millón de euros para mellorar as canalizacións de auga na travesía da Almuzara.
O acordo asinado inclúe distintas accións como a renovación integral das redes de abastecemento, saneamento e pluviais, co obxectivo de substituír unhas infraestruturas con máis de 50 anos de antigüidade. Tal e como salientou Ángeles Vázquez, as obras permitirán reducir fugas e avarías na rede de abastecemento e mellorar a calidade do servizo prestado á veciñanza, ademais de solucionar as deficiencias no sistema de saneamento para evitar filtracións que actualmente afectan ás vivendas, mellorando así as condicións de salubridade.
A renovación obxecto do convenio subscrito hoxe incorpora tamén unha nova rede de pluviais independente para evitar que as augas da chuvia sobrecarguen a rede de saneamento e a fosa séptica existente.
En canto aos prazos, está previsto que a actuación se execute entre os anos 2027 e 2029, cun investimento distribuído en tres anualidades e financiado nun 80% por Augas de Galicia (con fondos propios e financiamento da Unión Europea a través do FEADER) e nun 20% polo Concello.
A conselleira lembrou que esta actuación forma parte da estratexia que desenvolve Augas de Galicia para reforzar os servizos básicos relacionados coa auga no rural mediante o deseño e execución de actuacións adaptadas á realidade dos concellos de menor tamaño e á dispersión que caracteriza á comunidade, que concentra a metade dos núcleos de poboación que hai en toda España.
En concreto, esta estratexia abrangue máis de 30 intervencións en materia de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global de preto de 28 millóns de euros e que beneficiarán a unha poboación de referencia de arredor de 65.000 persoas.
Por último, a responsable autonómica destacou que con este tipo de convenios a Xunta continúa apostando por brindar o seu apoio e colaboración aos concellos na execución de infraestruturas hidráulicas, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da veciñanza, a protexer o medio ambiente e a garantir servizos públicos esenciais como son o abastecemento e a depuración, aínda que se trate de competencias municipais.

