Marcos Gómez Román destaca que a Festa “O Primeiro Peregrino” impulsa a recuperación da historia e pon en valor o patrimonio compartido entre Asturias e Galicia

Redacción

Subliña que máis de 25.000 peregrinos percorreron o Camiño Primitivo o pasado ano e “xa se superan os 10.000 no que vai de ano”

 O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta tarde en Oviedo na inauguración da VI edición de ‘O Primeiro Peregrino’, festa que conmemora a viaxe do rei Alfonso II, considerado o primeiro peregrino da historia. Durante a súa intervención, o comisario do Xacobeo 2027 puxo en valor unha iniciativa que “recupera acontecementos históricos, reforza o atractivo turístico, dinamiza a vida cultural e contribúe á posta en valor do patrimonio”.

Así mesmo, destacou os fortes vínculos que unen Asturias e Galicia a través do Camiño Primitivo. O comisario lembrou que a tradición xacobea nace coa viaxe do rei Afonso II entre  820 e 830 ata o lugar onde apareceu a tumba do Apóstolo Santiago, un feito que marcou o inicio dunha “historia de éxito” que continúa medrando séculos despois. Neste sentido, subliñou o excelente momento que vive o Camiño Primitivo, percorrido por máis de 25.000 peregrinos durante o pasado ano e que xa superan os 10.000 camiñantes no que vai de ano.

Na súa intervención tamén incidiu en que o fenómeno xacobeo vai moito máis alá da dimensión relixiosa e espiritual, converténdose nun motor de cultura, turismo, economía, emprego e lecer. “Eventos coma este son un magnífico exemplo de como o Camiño tamén é un espazo para a convivencia, a celebración e a promoción do territorio”, sinalou.

O comisario lembrou que Galicia celebrará en 2027 un novo Ano Santo Compostelán e destacou a ampla programación cultural, deportiva e de lecer que acompañará esta cita. “Queremos que todo o mundo sexa partícipe da gran festa de Galicia en 2027. Todos son benvidos a percorrer calquera das rutas xacobeas, especialmente o Camiño Primitivo, a chegar a Santiago e tamén a gozar das exposicións, actividades deportivas, espectáculos e festivais que formarán parte da programación do Xacobeo”, concluíu.

A participación na festa do Primeiro Peregrino reforza a colaboración entre Asturias e Galicia na promoción do Camiño Primitivo e na difusión dos valores históricos, culturais e patrimoniais que comparten ambos territorios.

Comparte este artigo