Marcos Gómez Román reivindica a acollida como sinal de identidade de Galicia e un dos piares do Xacobeo 2027

Redacción

Afirma que o próximo Ano Santo apostará pola calidade da experiencia dos peregrinos, a participación e a preservación da esencia da hospitalidade

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, reivindicou hoxe a acollida como un dos principais sinais de identidade de Galicia e un dos valores fundamentais do próximo Ano Santo Compostelán. Fíxoo durante a clausura do curso de verán da Universidade CEU María Cristina, dedicado ao fenómeno xacobeo, onde puxo en valor o carácter relixioso, cultural, social e europeo do Camiño de Santiago e animou a seguir afondando no seu estudo e divulgación.

Na súa intervención, Marcos Gómez Román lembrou que o Xacobeo ten a súa orixe na peregrinación e destacou que a dimensión relixiosa “é a máis importante e a orixe de todo, sen a cal todo o que rodea o fenómeno non tería sentido”. Neste contexto, incidiu en que a Xunta de Galicia afronta a preparación do Ano Santo 2027 desde o respecto á esencia do Camiño e á súa dimensión espiritual.

O comisario do Xacobeo 2027 puxo o foco especialmente na acollida, que definiu como un elemento irrenunciable da tradición xacobea. “Nos albergues transmítense diariamente os valores de hospitalidade e acollida, que están na base mesma do Camiño, que non podería concibirse, manterse nin entenderse sen a fraternidade que se ofrece aos peregrinos”, afirmou. Así mesmo, destacou que estes valores forman parte da identidade do pobo galego e maniféstanse ao longo de toda a ruta xacobea grazas á implicación da cidadanía, das institucións e da Igrexa.

Rede pública de albergues

Neste sentido, lembrou que Galicia conta cunha rede pública do Xacobeo de preto de 80 albergues con máis de 3.500 prazas distribuídas polos itinerarios xacobeos oficialmente recoñecidos, un modelo inspirado nos antigos hospitais medievais que contribuíu de maneira decisiva ao renacemento do Camiño nas últimas décadas. Ademais, defendeu que o recoñecemento da acollida tradicional debe abranguer o conxunto dos actores que fan posible esa hospitalidade, desde as asociacións e confrarías ata as administracións públicas e a Igrexa.

Nesa mesma liña, engadiu que “desde abrir as casas para ofrecer ao peregrino un pouco de descanso ou un vaso de auga ata desexarlle ‘bo Camiño’ cada vez que se cruza con un deles, a hospitalidade foi historicamente e segue sendo na actualidade un elemento vertebrador e definitorio do Camiño”. “E así seguirá sendo tamén no próximo Ano Santo 2027”, asegurou.

Durante a súa intervención, Marcos Gómez Román incidiu tamén na preparación do próximo Xacobeo, para o que a Xunta está a traballar co obxectivo de ofrecer a mellor experiencia posible aos peregrinos. Tras lembrar que o pasado ano máis de medio millón de persoas recolleron a Compostela, destacou que “esperamos que o Ano Santo 2027 sexa o máis exitoso e concorrido da nosa historia”, aínda que precisou que “as cifras non nos obsesionan”. “Se debemos elixir entre cantidade e calidade, quedamos co segundo. Non podía ser doutra maneira nunha terra que ten como lema Galicia Calidade”, afirmou.

Finalmente, o comisario defendeu que o Xacobeo 2027 será “un Xacobeo de todos e para todos”, aberto tanto aos peregrinos que percorren o Camiño por motivos relixiosos como a aqueles que o fan impulsados pola procura de crecemento persoal, polo contacto coa natureza ou polo interese cultural e patrimonial. Para acadar ese obxectivo, apelou á colaboración entre administracións, tecido económico e sociedade civil e avogou por un Xacobeo “máis participativo”, baseado na escoita e na implicación de todos os axentes vinculados ao Camiño de Santiago.

Comparte este artigo